Antón Álvarez e Lara Da Pena gañan o VIII concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos 2024

martes, 21 de maio do 2024 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e Ciencia, fallaron o VIII concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos 2024.
O gañador na categoría da ESO foi Antón Álvarez Rodríguez, alumno que cursa 4º da ESO no IES República Oriental do Uruguai en Vigo. Foi premiado por un relato titulado Por Tutatis que se presentou baixo o pseudónimo Infame. Neste traballo Antón relata, desde unha visión ficcionada do 2024, como é a nosa realidade en relación á privacidade, ameazada polos algoritmos, o hipnótico das pantallas, a manipulación e venda de datos, a indiferenza fronte ás sancións, as cookies e, como non, a Intelixencia Artificial, é dicir, o control sistemático da sociedade.
Na categoría de Primaria o premio foi para Lara Da Pena Fidalgo, do curso de 6º de Primaria do CEIP Virxe da Pena da Sela de O Irixo, na provincia de Ourense. Presentou baixo o alcume Rojo un traballo titulado A falsa amiga de José. Lara narra a historia de José, un rapaz que sufre acoso no colexio polo seu aspecto. Polo seu aniversario, os pais agasallárono cun ordenador, e aí descargou Facebook e comezou a falar con María, a súa primeira amiga. Esta rapaza pedíalle fotos, cada vez máis íntimas, ata que José asustouse e contoulle todo o acontecido aos seus pais que denunciaron o caso á Policía. Na investigación, descubriron que a falsa María era un home que vendía fotos de nenos menores de idades, que finalmente acabou en prisión.
Os dous gañadores recibirán unha tableta, ademais dun kit de robótica para a súa aula. Tamén o CEIP Virxe da Pena da Sela de O Irixo recibe o recoñecemento especial do certame ao ser o centro que máis traballos presentou.
Este concurso ten por obxecto que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade, promovendo o coñecemento de cales son os dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos.