Antonio Fernandes salienta na UVigo as posibilidades laborais do ámbito hacker

mércores, 29 de novembro do 2017 Redacción

A figura do hacker perante a sociedade está ateigada de connotacións negativas (mesmo delitivas), sendo esta visión tan simplista algo que dista bastante da realidade pois na actualidade a experiencia dalgunhas destas persoas están a axudar a atallar debilidades, atopar puntos febles e introducir medidas máis seguras dentro do ciberespazo. É o caso de Antonio Fernandes, hacker de Vigo que se achegaba hoxe até a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación dentro do ciclo Enxeñaría e Sociedade para falar de diferentes aspectos relacionados coa ciberseguridade.
Segundo explicaba Fernandes, “a ciberseguridade é unha materia transversal a calquera eido no que estea presente a tecnoloxía” e, pouco a pouco, mediante a transformación dixital, estará presente en “todos os sectores profesionais e no noso día a día”. De feito, o Internet da Cousas é un dos retos da ciberseguridade e “moitos dispositivos de IoT (Internet of Things) para uso persoal carecen das medidas de seguridade suficiente” e é preciso concienciar á sociedade da cantidade de “información de carácter persoal que damos consciente ou inconscientemente a estes aparatos no noso día a día”.
Dende a automatización da industria aos coches intelixentes, das casas domóticas aos teléfonos móbiles, a sociedade está cada vez máis conectada e, segundo o hacker, “temos que comezar a considerar que todos os servizos e produtos que se creen, deben pensarse coa ‘seguridade por deseño’, cousa que actualmente podemos dicir que en multitude de produtos non está ocorrendo”.
Para rematar, Fernandes quixo facer fincapé en que o eido dos hackers estase a converter nunha opción máis a nivel laboral encamiñada ao alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. De feito, o centro porá en marcha o vindeiro curso un Máster en Ciberseguridade e conta, dende 2016, coa Cátedra Deloitte en Ciberseguridade.

PUBLICIDADE