Anubía debullará no CDTIC as vantaxes de Odoo para as nosas PEME

luns, 11 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Este 15 de febreiro o Centro Demostrador TIC acolle unha nova sesión divulgativa profesional e empresarial sobre as posibilidades da solución ERP libre Odoo. A cita terá horario de 9:20 a 10:15 horas e comezará cunha presentación práctica de Odoo 11 e dos seus módulos para a xestión comercial, administrativa e loxística dunha PEME, seguirá dunha explicación dos módulos de vendas, almacén, compras e contabilidade. Para rematar expoñerase un caso práctico así como a realización dun exercicio práctico.
A sesión demostradora está organizada polo CDTIC coa colaboración da empresa Anubía, consultora especialista e partner de Odoo. Wilfredo Santana, da devandita empresa galega, será quen imparta a sesión. Segundo explica, trátase dunha xeira demostradora que dadas as funcionalidades de Odoo “está enfocada a microempresas e PEME que estean interesadas en mellorar o tratamento dos datos xerados ao longo da súa actividade loxística e empresarial para optimizar a xestión diaria e toma de decisións”.
En termos máis concretos, a aplicación Odoo ten unha manchea de posibilidades para a xestión integrada e completa en contornas globais (diferentes divisas, numerosos idiomas ou contorna multicompañía); para a xestión da parte comercial e administrativa (contabilidade, vendas e facturación) e para a xestión loxística da empresa (almacéns). Ao devandito cómpre engadir as vantaxes quen pon en xogo o feito de ser unha aplicación de software libre (alta personalización e adaptación aos factores propios de cada empresa).
Para máis información ou para inscribirnos no evento podemos visitar a páxina web do mesmo.

PUBLICIDADE