Anuncian as diferentes edicións de Horizon Forbidden West

xoves, 2 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Para o 18 de febreiro de 2022 está previsto o lanzamento do agardado xogo Horizon Forbidden West, secuela do aclamado Horizon Zero Dawn, para o que abriron as reservas e tamén veñen de presentar as súas diferentes edicións, non sen polémica, xa que o xogo que está dispoñible para PlayStation 4 e PlayStation 5 ofrecerá a posibilidade de gozar de ambas versións en función da súa edición, cando o público confiaba en que unha edición especial para PS4 permitirse dar o salto a PS5 sen cargos adicionais.
A edición polémica de Horizon Forbidden West sería concretamente a Special Edition, que venderase por 89,99 euros para PlayStation 5 e a 79,99 euros para PlayStation 4, que chegará nunha caixa metálica cunha copia física do xogo (tendo que elixir o usuario se quere a versión para PS4 ou PS5) un código para descargar a banda sonora e un minilibro de ilustracións. Se ben estamos ante unha práctica por parte de Sony que realizan outras compañías, resulta bastante confuso e frustrante para os xogadores de PlayStation 4 que teñen previsto dar o salto a PlayStation 5 en breve (lembremos que a consola é extremadamente difícil de adquirir ante a falta de existencias), xa que poderían toparse cun xogo que non poderían gozar no futuro coas vantaxes dunha consola de nova xeración.
Curiosamente, a Digital Deluxe Edition, que custa 89,99 euros e inclúe o xogo cunha chea de contidos adicionais (todo en formato descargable) si combina as versións do xogo para PlayStation 4 e PlayStation 5, polo que sería a opción de compra máis segura en dixital, xa que as edicións estándar do xogo véndense a 79,99 e 69,99 euros para PS5 e PS4 respectivamente, polo que mercar o xogo para PS4 coa opción de poder continuar a experiencia en PS5 tería un sobrecusto de 20 euros, o que pode parecer excesivo (especialmente se temos en conta a devaluación dos xogos, que levan a que, por exemplo, actualmente poidamos mercar Horizon Zero Dawn por 19,99 euros como prezo ordinario).
Os incondicionais da franquía tamén poderán facerse con edicións físicas moi completas, como a Collector’s Edition, que inclúe código de descarga do xogo para as versións de PS4 e PS5, un estoxo metálico do xogo (algo bastante ridículo para un xogo en dixital), numerosos contidos descargables, un minilibro de ilustracións e un par de figuras de Terremamut e Aloy. Venderase a 199,99 euros.
Para os que queiran ir un pouco máis aló chegará tamén a Regalla Edition, cun prezo de 269,99 euros, que incluiría algún obxecto físico adicional, como 2 tarxetas con ilustracións, pezas físicas de Asalto das máquinas Alasol e Garriraptor, réplica de Foco e soporte personalizado, e un mapa en lenzo. Esta última versión só estará dispoñible nas tendas da cadea GAME.

A edición máis completa do xogo inclúe numerosos obxectos físicos (e o xogo en formato descargable)

PUBLICIDADE