Anuncian os xogos de Game Pass da primeira metade do mes

mércores, 7 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Os subscritores de Xbox Game Pass recibirán algúns xogos bastante interesantes na primeira metade do mes, aínda que o xogo que chega hoxe mesmo é o descoñecido Creatures of Ava, un título independente no que hai que explorar un mundo cheo de seres salvaxes ás que haberá que salvar. Pero a irrelevancia deste título vese completamente compensada polo que chega mañá mesmo: Crash Bandicoot N. Sane Trilogy. Falamos dunha remasterización dos tres primeiros xogos de Crash Bandicoot, que permite recuperar esta divertida triloxía cuns gráficos dignos das consolas da actual xeración, e que foi todo un éxito en crítica e vendas en 2018.
O 13 de agosto o xogo que se entregará aos subscritores será Mafia: Definitive Edition, primeira entrega dunha saga de éxito que nos permite vivir o ambiente retratado en innumerables ocasións nas películas de gangsters, recreando a estética dos anos 30 tanto a nivel visual como sonoro.
Adicionalmente tamén se entregan estes días contidos adicionais para No Man’s Sky, Dead by Daylight e Sea of Thieves.