Anuncian un remake de Rise of the Triad

luns, 6 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Entre os días 2 e 5 do presente mes tivo lugar en Dallas a QuakeCon 2012, evento do sector dos videoxogos no que se realizaron distintas presentacións e anuncios entre os que destacou especialmente o retorno do clásico título para PC Rise of the Triad de Interceptor Entertainment, que vai venderse como xogo descargable por 14,99 dólares (o xogo orixinal aínda está dispoñible a través de GOG por 5,99 dólares), contando tras o seu lanzamento cun distintos contidos descargables de balde.
Este remake vai procurar manterse fiel ao título orixinal desenvolvido por Apogee Software en 1994, aínda que buscarán enriquecelo con novos modos de xogo (como o moi demandado xogo cooperativo) e armamento adicional. Tamén manterase fiel ao espírito deste xénero no PC, comercializándose libre de DRM e totalmente modificable (para que a comunidade de usuarios poida desenvolver e distribuír as modificacións de mapas e aparencia que considere oportuno). Tamén poderase axustar o nivel gráfico do xogo de xeito que en ordenadores potentes poderase gozar a 60 imaxes por segundo, mentres que usuarios con equipos máis modestos tamén poderán gozar do mesmo cun nivel de detalle inferior.

A distancia gráfica do remake co xogo de Apogee Software será notable
O novo Rise of the Triad funcionará a 60 fotogramas por segundo

PUBLICIDADE