Anxo M. Lorenzo presenta os novos episodios do podcast literario Entreliñas
martes, 18 de febreiro do 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou este 18 de febreiro a nova edición do podcast literario Entreliñas, o programa en formato radiofónico impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para dar a coñecer a actualidade literaria galega e a actividade das bibliotecas públicas.
Sinalou que o podcast trátase “dunha fórmula atraente para achegarnos ao mundo do libro dunha maneira diferente cun formato que se adapta aos tempos de hoxe”.
Destacou tamén que polos capítulos de Entreliñas xa teñen pasado autores e autoras como Marilar Aleixandre, Ismael Ramos, Estíbaliz Espinosa, María Solar, Ledicia Costas ou Dores Tembrás, e que nesta edición dáse continuidade con nomes como a escritora Fina Casalderrey, que opta ao premio internacional Memorial Astrid Lindgren.
“Os oito capítulos que se emitirán a partir de abril tamén porán o foco nos grandes acontecementos de 2025”, apuntou Anxo M. Lorenzo antes de referirse a celebracións como as Letras Galegas, cun programa dedicado ás cantareiras, ou ao Ano Castelao. A estas temáticas uniranse, ademais, outros capítulos que versarán sobre a literatura de viaxes, o Día das Escritoras con Olga Novo, o traballo de Dorothe Schubart, estudosa da tradición oral galega, ou un percorrido por 130 anos de cinema e libros.
Como novidade nesta edición, introdúcense nos programas, conducidos por Eva Mejuto e Luz Pérez Costas, os clubs de lectura, unha sección na que se recollen os grupos máis senlleiros e orixinais xa sexa pola súa temática ou polos seus integrantes, entre outras cuestións.
Entreliñas pode escoitarse a través das plataformas Spotify e Ivoox.