Aparece unha solución por USB para copiar os xogos de PlayStation 3
xoves, 19 de agosto do 2010
Despois de que o popular
experto en seguridade informática George Hotz declarase non ser quen de
superar a protección da PlayStation 3, sorprende ver que unha compañía
anuncia unha modificación para a consola de Sony a través de USB que permitiría
copiar os xogos en Blu-ray ao disco duro interno da PS3 (ou a un disco externo
conectado por USB) para poder xogalos sen o disco orixinal, o que sería a
solución ideal para moitos interesados en piratear
videoxogos, pois evitaría a adquisición de gravadoras de Blu-ray e os seus
caros soportes virxes, á vez que os xogos terían uns tempos de carga bastante
máis rápidos, aínda que este produto (
dispoñible a través dalgún distribuidor pola escandalosa cantidade de 169,99 dólares dispoñible en reserva por 99,95 euros) deberiamos
velo con certo escepticismo.
Segundo parece, hai usuarios que xa verificaron o funcionamento do PS
Jailbreak (nome que dan a esta solución USB), e sería compatible con
todas as PS3 do mercado (con independencia do modelo e a rexión). Nun principio
só permitiría a copia de xogos de PS3, de xeito que nin películas nin títulos
de PS2 poderían beneficiarse desta
solución que pode desactivarse con só desconectar a unidade USB da consola.
É de agardar que este produto teña problemas para a súa comercialización, posto
que, segundo parece, para crear o paquete de software que se executa por USB empréganse
ferramentas de desenvolvemento oficiais de Sony, sen a licenza oportuna
para tal, polo que no caso de ser totalmente operativo este mod podería perseguirse, aínda que tamén
parece moi probable que o PS Jailbreak
tamén sexa pirateado para a súa libre
distribución na Rede.
ACTUALIZACIÓN: Dende Kotaku dan máis detalles sobre o PS Jailbreak, asegurando que non estamos ante un bulo. Dende un dos distribuidores do dispositivo USB aseguran que foi probado cuns 150 xogos e que o seu funcionamento baséase en enganar aos xogos simulando que unha PS3 doméstica é unha unidade de desenvolvemento (que pode executar código non asinado).
NOVA ACTUALIZACIÓN: ChipSpain venderá o PS3 Jailbreak por 99,95 euros e xa hai quen probou o dispositivo, demostrando que funciona realmente.
Vídeo no que aparentemente proban o funcionamento do PS3 Jailbreak