Apple Arcade recibirá unha versión do clásico Civilization

luns, 26 de xaneiro do 2026 Redacción

Civilization, unha das sagas de estratexia máis populares do PC, dará o salto a Apple Arcade o vindeiro 5 de febreiro coa chegada de Sid Meier’s Civilization VII Edición Arcade. O xogo encabezará unha nova remesa de incorporacións ao servizo de subscrición de Apple, na que tamén figuran Retrocade, Felicity’s Door e I Love Hue Too+.
Co lanzamento desta edición, os usuarios de iPhone, iPad e Mac poderán gozar dunha experiencia completa dun título AAA tradicionalmente vencellado ao PC. A nova entrega da serie propón un capítulo clave na súa narrativa, no que os imperios evolucionan ao longo das distintas épocas da historia da humanidade e cada decisión estratéxica inflúe no legado cultural da civilización elixida. O xogo permite seguir un camiño máis fiel á evolución histórica ou, pola contra, explorar escenarios alternativos e crear novas posibilidades co obxectivo de construír un imperio duradeiro.
A versión dispoñible en Apple Arcade ofrece a experiencia base de Civilization VII adaptada aos dispositivos de Apple, con controis táctiles optimizados para o xogo portátil e compatibilidade con rato e mando tanto en macOS como en iOS. Os xogadores poderán fundar cidades, erguer marabillas arquitectónicas, investigar avances tecnolóxicos e decidir entre a cooperación ou o conflito con civilizacións rivais mentres exploran o mapa do mundo.
O título convida a gobernar como algúns dos líderes máis recoñecidos da historia e a redefinir o rumbo do imperio en cada era, escollendo novas civilizacións que representen a súa evolución ao longo do tempo. As eleccións estratéxicas serán determinantes para configurar unha liñaxe cultural propio e deixar unha pegada que atravesará os séculos.
Civilization VII para Apple Arcade non contará con modo multixogador no seu lanzamento nin incluirá os contidos descargables dispoñibles noutras plataformas. Ademais, algunhas actualizacións posteriores poderían chegar máis tarde ou non estar dispoñibles nesta versión. Os tamaños de mapa grande e enorme só estarán accesibles en dispositivos con 8 GB ou máis de memoria RAM, e aplicaranse determinadas condicións técnicas segundo o equipo empregado.