Apple Fitness+ estará dispoñible con voces en español

martes, 9 de decembro do 2025 Marcus Fernández

Apple anunciou unha grande expansión de Apple Fitness+, o seu servizo de saúde e benestar, que o vindeiro 15 de decembro chegará a 28 novos mercados, aínda que resulta máis importante o feito de que tras cinco anos por fin se dignen a incorporar dobraxe dixital en español, alemán e xaponés (linguas na que os contidos se ofrecían subtitulados, algo claramente insuficiente para este tipo de contido).
Coa ampliación, usuarios de 49 países e rexións poderán acceder ás 12 modalidades de adestramento dispoñibles –entre elas forza, ioga, HIIT, pilates, danza, ciclismo, kickboxing e meditación– con sesións de entre cinco e 45 minutos en iPhone, iPad e Apple TV. A integración con Apple Watch permite visualizar métricas como a frecuencia cardíaca, calorías queimada, avance nos aneis de actividade ou a barra de calorías, que compara o esforzo con outros usuarios que realizaron o mesmo exercicio. Ademais, os Plans Personalizados permiten xerar un calendario personalizado segundo preferencias de actividade, duración, adestradores e estilo musical.
A dobraxe dixital en español, alemán e xaponés busca facer o servizo máis accesible globalmente. Cada episodio contará cunha voz xerada a partir da gravación real de cada un dos 28 adestradores de Fitness+. A opción poderá seleccionarse no controlador de audio e, se o usuario configura a aplicación en español, alemán ou xaponés, os episodios reproduciranse automaticamente no idioma correspondente cando haxa dobraxe dispoñible.
O novo xénero musical K-Pop incorporarase a todas as disciplinas de adestramento, ampliando unha oferta que xa incluía estilos como Upbeat Anthems, Latest Hits, Hip-Hop/R&B ou Latin Grooves. Fitness+ reforza tamén o seu catálogo motivacional con Stay Consistent, Push Further e Get Started, tres modalidades de planificación que permiten manter rutinas ou asumir retos progresivos.
A serie Artist Spotlight continúa dedicando listaxes de reprodución completas a artistas internacionais como Taylor Swift, Beyoncé, BTS, Selena Gomez ou Coldplay. Pola súa banda, Time to Walk, a experiencia sonora premiada de Apple pensada para acompañar paseos ao aire libre, incorpora un novo episodio co piloto de Fórmula 1 Yuki Tsunoda, que se suma a unha selección de convidados como Cynthia Erivo, Daddy Yankee, Naomi Campbell, Camila Cabello, Simu Liu, Shawn Mendes ou Jane Fonda.