Apple Intelligence estréase na primeira beta de iOS 18.1 e iPadOS 18.1

luns, 29 de xullo do 2024 Marcus Fernández

Tras as informacións adiantadas por Mark Gurman para Bloomberg, os desenvolvedores poden por fin achegarse a Apple Intelligence grazas á publicación da primeira beta de iOS 18.1, que está dispoñible unicamente para usuarios cun iPhone 15 Pro ou 15 Pro Max, xa que son os únicos dispositivos con iOS compatibles con Apple Intelligence.
Estamos ante unha situación extraordinaria, na que a beta de iOS 18.1 está dispoñible antes de que a beta de iOS 18 estea pechada, confirmándose así que iOS 18 non contará con Apple Intelligence, e que con esta curiosa política de actualizacións permiten que os desenvolvedores que queren preparar aplicacións para a proposta de IA de Apple poidan iniciar as súas probas, anticipándose debidamente ao lanzamento oficial desta tecnoloxía. No caso dos iPad cun procesador a partir do M1 tamén está dispoñible iPadOS 18.1 beta. En ambos casos Apple Intelligence non chegará de xeito inmediato, senón que será preciso inscribirse nunha listaxe de agarda para poder acceder á tecnoloxía en probas.
A nova beta de iOS 18.1, para dispositivos configurados para EE.UU. con idioma inglés de EE.UU., ofrece como novidades a posibilidade de tirar proveito das ferramentas e escritura de Apple Intelligence (que permiten reescribir, corrixir e resumir textos en distintas aplicacións), conta con algunhas novas características de Siri (como a aparición dun marco luminoso na pantalla cando se usa Siri, a posibilidade de alternar entre texto e voz para interactuar co asistente e Siri soporta tamén interrupcións/correccións durante as consultas, mantendo o contexto), na aplicación de Correo ao listarse as mensaxes en vez de figurar as primeiras liñas achégase un resumo do contido, a aplicación de Fotos permite buscas en linguaxe natural, e as transcricións que realice o móbil de chamadas de voz (que agora permite gravar) poden agora resumirse mediante Apple Intelligence.
Vemos así como polo momento Apple está a integrar novidades baseadas en IA que poden lembrar ás que xa teñen os móbiles de alta gama de Samsung (dende os Galaxy S22 até os S24), descoñecéndose cando chegarán as funcións máis avanzadas ou incluso a integración de ChatGPT ás betas de iOS e iPadOS.
Cómpre salientar que, pese a que Apple Intelligence só está en probas en inglés de EE.UU., dende Apple indican expresamente que esta tecnoloxía «non está actualmente dispoñible en China ou a Unión Europea», información redundante que parece querer servir para presión á Comisión Europea, coa que Apple ten varios conflitos abertos, estando á espera de recibir varias sancións polas súas prácticas contra a competencia e os consumidores.