Apple Intelligence funcionará coa IA de Alibaba en China

xoves, 13 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

As compañías estadounidenses teñen moitos atrancos para operar dentro de China e, de feito, compañías como Meta e Google non poden ofrecer os seus servizos no país asiático. Pero Apple tende a pregarse ás imposicións das autoridades chinesas para poder comercializar os iPhone no país do sol poñente, e agora, para poder levar a ese territorio a súa intelixencia artificial, estaba claro que non podía importar unha tecnoloxía estranxeira e tería que conseguir un socio local.
Nos últimos días filtrouse que Apple estivo en negociacións con compañías como DeepSeek, pero finalmente chegou a un acordo con Alibaba para poder apoiarase no modelo Qwen, detalle que o director xeral do Alibaba Group Holding, Joe Tsai, tería confirmado no World Governments Summit 2025.
Polo momento non se sabe cando chegará Apple Intelligence a China, pero tendo en conta que está previsto que chegue a Europa no mes de abril, non sería de sorprender que fose pouco despois a expansión polo principal mercado asiático para Apple, onde aseguran que nos últimos meses houbo unha importante caída nas vendas de smartphones da compañía da mazá por carecer das funcións de IA que si están a incorporar os seus competidores e que, curiosamente, son o principal reclamo comercial dos novos iPhone (ou sexa, que se promocionan en base dunha prestación coa que non contan actualmente, o que ten un impacto directo nas vendas).