Apple One chega a España

venres, 30 de outubro do 2020 Marcus Fernández

O ano pasado Apple esforzouse en avanzar no sector dos servizos de subscrición botando a andar Apple News+ (non presente en España), Apple Arcade (servizo de subscrición de videoxogos) e Apple TV+ (plataforma de streaming audiovisual), que chegan para acompañar a Apple Music (servizo de streaming musical) e iCloud (almacenamento na nube de Apple), pero que non conseguiron callar entre a poboación tanto como quixera a compañía de Cupertino, que considera que para atrapar mellor aos usuarios no seu ecosistema é unha boa opción ofrecer os seus servizos agrupados, de aí que lancen Apple One, que en España agrupa as subscricións de Apple Music, Apple TV+, Apple Arcade e iCloud a un prezo de 14,95 euros/mes (no seu plan individual con 50 Gb de almacenamento na nube) ou de 19,95 euros/mes (no plan familiar para até 5 persoas que suma 200 GB de almacenamento na nube).
Aínda que estes plans poidan supor aforros de até 8 euros/mes cómpre advertir que só conseguimos tal se realmente tiñamos pensado subscribirnos a todos os servizos dispoñibles por separado, algo que é moi pouco habitual, especialmente porque Apple Arcade está a ter unha acollida moito peor da que se prevía inicialmente (deixando de contar coa atención do público) e Apple TV+ tampouco está a rexistrar moitos subscritores de pagamento (a meirande parte dos subscritores recibiron un ano do servizo de balde ao mercar un dispositivo móbil novo, e ante a falta de renovación dende Apple optaron por prorrogar uns meses tal promoción).
En EE.UU., aparte dos plans de Apple One individuais e de familia tamén existe un plan Premier que inclúe a maiores Apple News+ e Fitness+ (servizo que chegará a finais de ano) así como 2 TB de almacenamento na nube por 29,95 dólares/mes, o que si supón un aforro considerable (uns 25 dólares) se tiñamos previsto contratar Apple News+ ou Apple Fitness+. Este conxunto de servizos é válido até para 5 usuarios da mesma familia, e claramente é o que buscan promover nos EE.UU., pero ao incluír un par de servizos de subscrición que poderían non chegar nunca a España, temos que Apple One ten un atractivo moi discutible, especialmente no caso do plan individual, que parece buscar a súa contratación compulsiva e non moi razoada, xa que realmente son moi poucos os usuarios que precisan tantos servizos de subscrición simultaneamente.
A contratación de Apple One pode realizarse directamente a través da aplicación móbil da App Store, que na sección de subscrición presenta a opción de obter Apple One, ofrecendo un período de proba de un mes de balde, período tras o que pasará a facturarse o servizo.

PUBLICIDADE