Apple Podcasts inicia a transcrición de podcasts en portugués
mércores, 2 de outubro do 2024
Tras bastante tempo descoidando o seu servizo de podcasting puidemos ver como en agosto Apple Podcasts estreou versión web e agora están a ampliar unha funcionalidade que pode ser moi relevante a longo prazo ao mellorar a visibilidade a accesibilidade dos podcasts a través das súas transcricións, que chegan agora en 8 novas linguas entre as que temos que destacar o portugués de Brasil e o portugués de Portugal (avance que no futuro podería beneficiar aos contidos en galego).
Aínda que os creadores de podcasts poden incorporar transcricións ás súas producións dentro dos metadatos, non é unha práctica frecuente, de aí que Apple optase por engadir transcricións de xeito automático a podcasts populares en inglés, francés, alemán, español e algún idioma máis, entre os que agora tamén está a lusofonía, facilitando así que poidan localizarse pezas de audio en función do seu contido, axuda a localizar puntos das pezas sonoras e incluso permite consumir podcasts co apoio da vista (ideal para persoas con problemas de audición ou para cando non podemos escoitar ben o contido).