Apple TV+ por fin chega a Android

mércores, 12 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

O servizo de vídeo baixo demanda de Apple, lanzado en 2019, foi ampliando paulatinamente os dispositivos dende os que podían reproducirse os seus contidos, chegando a aplicación de Apple TV a dispositivos con Google TV en 2021, pero sen abrirse a teléfonos e tabletas con Android, até hoxe, cando a aplicación para Android incorpora compatibilidade con dispositivos móbiles.
Agora, a aplicación permite gozar de Apple TV+ directamente dende o móbil ou a tableta, dun xeito óptimo, como calquera outra aplicación móbil de vídeo baixo demanda, rematando cunha sorprendente discriminación por parte de Apple, que permitía gozar sen problema dos contidos de Apple TV+ en televisores de distintas marcas, pero non en dispositivos móbiles que non fose iPhone ou iPad.
A aplicación tamén permite a descarga de contidos en local, para poder gozar dos mesmos en mobilidade sen ter que consumir datos ou ter problemas coa cobertura de Rede.

Vídeo promocional do lanzamento da aplicación de Apple TV+ para Android