Apple TV+ sobe de prezo en EE.UU.

xoves, 21 de agosto do 2025 Marcus Fernández

Pese a ser un dos servizos de vídeo baixo demanda coa fondo de catálogo máis reducido, por limitarse a incluír producións propias, Apple TV+ ousa a levar anos incrementando o seu prezo, e tras o seu lanzamento a 4,99 euros/mes, pasou a 6,99 euros/mes e a 9,99 euros/mes en poucos anos, sendo esta última suba en 2023. E aínda que está por confirmar a suba en España, veñen de anunciar que nos EE.UU. o prezo pasa de 9,99 a 12,99 dólares/mes, o que semella un incremento de prezo desproporcionado, que non se corresponde con melloras no servizo, agás polo detalle de que dende o pasado febreiro conta con aplicación para Android.
Esta suba de prezo estaría provocada polo mal funcionamento económico de Apple TV+, que pese a ter series e películas que reciben recoñecemento do público e da crítica, segue a ter un número de subscritores moi reducido, o que provoca que teña unhas perdas estimadas de mil millóns de dólares ao ano.
Inicialmente Apple TV+ conseguira medrar en usuarios grazas a promocións que facilitaban o acceso ao servizo de balde, pero actualmente a meirande parte dos subscritores proveñen de Apple One, paquete que por 19,95 euros/mes inclúe 50 GB de almacenamento en iCloud, Apple TV+, Apple Music e Apple Arcade (e que conta cunha versión familiar que por 25,95 euros/mes permite gozar dos servizos a ate 5 persoas).

Nos EE.UU. Apple TV+ xa amosa o novo prezo para altas