Apple abre a WWDC con novidades de software e hardware

luns, 5 de xuño do 2023 Marcus Fernández

O congreso para desenvolvedores de Apple, a WWDC23, botou a andar hoxe coa vista posta na súa presentación inaugural, unha das de maior duración que poden lembrarse, e que aparte das habituais novidades de software e hardware, incluíu finalmente unha One More Thing, reservada como guinda do pastel, e que consistiu no moi rumoreado casco de realidade aumentada da compañía de Cupertino.
A nivel de software estamos ante as típicas actualizacións discretas, eclipsadas polas presentacións de hardware, e polo feito de que non chegarán aos sistemas operativos de Apple até despois do verán (estando xa dispoñibles en probas para desenvolvedores).
Así, en iOS 17 teremos novas tarxetas de contacto, melloras en AirDrop, transcrición en tempo real das mensaxes de voz, modo En Repouso que permite aproveitar a pantalla do móbiles mentres o cargamos (por exemplo, como reloxo ou para seguir actividades en directo) e unha nova aplicación para levar un diario persoal; en iPadOS 17 chegan os widgets á pantalla de bloqueo (xa presente nos iPhone) e unha nova xestión de fondos de pantalla (tamén presente dende o ano pasado nos teléfonos); macOS permitirá widgets no escritorio e mellora o seu funcionamento cos xogos (confirmándose a chegada do xogo Death Stranding a Mac); watchOS 10 pola súa banda experimenta unha renovación da súa interface amosando widgets, mellorando a clásica colmea de iconas; tvOS 17 leva o centro de control ao televisor e facilita o uso de videochamadas en combinación co iPhone; e, finalmente preséntase visionOS, o sistema operativo que terá o casco de realidade aumentada de Apple.

Novos ordenadores

Aínda que o importante neste tipo de eventos é o hardware orientado a profesionais, aproveitaron a ocasión para presentar un novo MacBook Air con pantalla Liquid Retina de 15,3 polgadas cun procesador M2, que promete até 18 horas de autonomía e conta cun sistema de son con 6 altofalantes pese a estarmos ante un equipo moi fino (11,5 milímetros), lixeiro (1,5 quilos) e sen ventilador. Este equipo sairá á venda o 13 de xuño, cun prezo de partida de 1.599 euros, mentres que o modelo con pantalla de 13,6 polgadas parte agora dun prezo de 1.299 euros.

Vídeo promocional do novo MacBook Air de 15 polgadas con M2

Para un uso máis esixente presentaron os novos procesadores M2 Ultra, que son o equivalente a conectar en paralelo 2 chips M2 Max, o que supón un rendemento moi elevado, que beneficiará aos novos Mac Studio, agora con chip M2 Max ou M2 Ultra, que poderán mercarse a partir do día tres a prezos de saída de 2.429 e 4.849 euros respectivamente. Aparte do incremento de potencia, cómpre salientar que os Mac Studio con M2 Max poden equiparse con até 96 GB de memoria unificada, mentres que os M2 Ultra soportan até 192 GB de memoria unificada, polo que están destinados a traballos intensivos e profesionais, como quedaría patente por detalles tan curiosos como que soporten a conexión de até 8 monitores á vez.

Pero a grande novidade foi que por fin son realidade os Mac Pro tecnoloxía Apple Silicon, produto que tería que terse presentado a finais do ano pasado, e que estaba a ser moi esperado por profesionais do mundo do vídeo. O novo Mac Pro funciona cun procesador M2 Ultra, con até 192 GB de memoria unificada, polo que poderiamos pensar que se trata dun Mac Studio, do que se diferencia por adoptar o mesmo deseño de torre dun Mac Pro con procesador Intel (de 2019), e por contar con 7 rañuras de expansión PCIe, o que engade unha versatilidade que non está presente en ningún outro produto con procesadores de Apple.
O novo Mac Pro pode xa reservarse, custando o seu modelo de torre máis básico 8.399 euros, mentres que a súa configuraicón máis completa chega até os 14.419 euros.

Co novo Mac Pro por fin péchase o ciclo de renovación dos ordenadores de Apple aos seus propios procesadores

PUBLICIDADE