Apple acompaña a estrea do iMac Pro coa renovación do Final Cut Pro X

xoves, 14 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Chegou o día, e por fin está dispoñible para a súa compra o iMac Pro, o ordenador de sobremesa máis potente feito nunca por Apple, e un dos máis potentes que podemos atopar no mercado, estreando unha nova gama de dispositivos e que parte dun procesador Intel Xeon W de 8 núcleos a 3,2 GHz, 32 GB de RAM, 1 TB de SSD, gráfica Radeon Pro Vega 56 con 8 GB de memoria HBM2, Ethernet a 10 Gbps, 4 portos Thunderbolt 3 e pantalla 5K de 27 polgadas a un prezo de 5.499 euros.
Os usuarios máis esixentes poden seguir sumándolle elementos, de xeito que configuren un equipo cun procesador Intel Xeon W de 18 núcleos a 2,3 GHz, 128 GB de memoria RAM, 4 TB de SSD, gráfica Radeon Pro Vega 64 con 16 GB de memoria HBM2 e algún que outro complemento máis que fai que o equipo chegue a superar os 16 mil euros, deixando clarísimo que non estamos ante un equipo para o fogar ou para gamers, senón para un uso profesional, de xeito que pode realizar renderizacións tridimensionais a grande velocidade, correr máquinas virtuais e compilar código con grande fluidez, manexar grandes conxuntos de datos, mover fotografías e vídeos de elevada resolución e incluso contribuír á creación de contidos para a realidade virtual. Todo isto nun fermoso corpo de cor gris espacial que permitirá distinguir claramente o iMac Pro dos iMac ordinarios.

Novo Final Cut Pro X

Precisamente este lanzamento vén acompañado coa actualización do Final Cut Pro X, a ferramenta de edición de vídeo profesional de Apple que agora incorpora tanto soporte de HDR como a posibilidade de editar vídeos en 360 graos, de xeito que pode tirar proveito da elevada potencial do iMac Pro, equipo co que incluso podería editarse vídeo 8K.
De cara á realidade virtual, o novo Final Cut Pro X incluso pode empregarse en combinación cun casco de realidade virtual HTC Vive, para así ver os proxectos en tempo realmente. Os contidos de 360 graos creados con esta aplicación poderán compartirse directamente a través de plataformas como YouTube, Facebook e Vimeo.
Outras prestacións adicionais de Final Cut Pro 10.4 son a posibilidade de importar proxectos de iMovie de iOS en Final Cut Pro X para unha edición máis avanzada, incorpórase compatibilidade con HEVC e HEIF para traballar con arquivos con codificadores de alta eficiencia, conta con novos engadidos de efectos de audio de Logic Pro X e aproveita Metal para unha análise de fluxo óptico máis rápido e de máis calidade.

PUBLICIDADE