Apple acompaña a presentación do iPad mini doutras novidades importantes

martes, 23 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Esta tarde Apple celebrou un evento especial no que esperábase a presentación do iPad mini xunto coa renovación de especificacións dalgúns equipos da compañía para polos ao día, pero ao final converteuse na keynote máis relevante do ano para a compañía pois, aínda que non presentaron un novo iPhone, contou con novidades bastante rechamantes que non eran totalmente predicibles nin se axustaban totalmente ao ruxerruxe que había pola Rede.

MacBook Pro de 13,3 polgadas con pantalla Retina

O primeiro anuncio do acto era moi predicible, pois tras estrear en xuño un MacBook Pro de 15 polgadas con pantalla Retina, desta volta a mellora de pantalla tocoulle ao MacBook Pro de 13,3 polgadas, que conta así cunha pantalla IPS de 2.560 x 1.600 píxeles, aínda que esa mellora tamén ten un prezo importante de 1.779 euros para o modelo con 128 Gb de SSD (con 256 Gb o prezo sube a 2.079 euros).

JPEG - 47.3 KB
O novo iMac foi a grande sorpresa da presentación de hoxe

Revolución no iMac

A grande sorpresa da keynote de Apple foi para moitos o novo deseño do iMac, ordenador todo-en-un que reduce o seu grosor un 80% ata quedar en 5 milímetros. Estes equipos chegarán ao mercado en novembro en tamaño de 21,5 polgadas con prezos que parten dos 1.379 euros e en decembro en tamaño de 27 polgadas con prezos que parten dos 1.899 euros. Inclúen procesadores Intel Core i5 de catro núcleos, 8 Gb de RAM, disco duro de 1 Tb coa opción de configuralo cun disco duro Fusion Drive que integra unha unidade SSD de 128 Gb para acelerar o funcionamento das aplicacións), lector de tarxetas SDXC, 4 portos USB 3, 2 portos Thunderbolt, saída Mini DisplayPort (para DVI, VGA e DVI de dobre canle), Gigabit Ethernet, Wi-Fi N e Bluetooth 4.0, características que conforman un dos equipos de sobremesa máis completos do mercado, á vez que máis atractivos (aínda que cuns prezos bastante elevados).

JPEG - 45.5 KB
O iPad mini axustouse ao que o público esperaba: un iPad 2 máis compacto e manexable

iPad e iPad mini

A só 7 meses da chegada do novo iPad dende Apple sorprenden renovándoo incorporándolle un potente chip A6X, que presume de ser o dobre de potente que o A5 da xeración anterior (aínda que o novo iPad contaba cun A5X), intentando solucionar así os problemas que experimentaba o novo iPad ao ter que mover os gráficos da súa pantalla Retina (moitos xogos funcionaba mellor nun iPad 2 que no novo iPad). O outro cambio que sufre o iPad é a incorporación do novo conector Lightning (estreado no iPhone 5), que foi a característica que xustificou esta renovación, aínda que ao actualizar tamén o procesador do dispositivo pode crear certo malestar entre os actuais usuarios do novo iPad (que ven como o seu trebello queda vello en pouco máis de medio ano).
Pero a grande novidade que todo o mundo esperaba era o iPad mini, que finalmente será un dispositivo con pantalla IPS de 7,9 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768 píxeles e procesador A5 (ou sexa, unha versión reducida do iPad 2), que incorpora Wi-Fi N dual, Bluetooth 4.0, almacenamento interno de 16, 32 ou 64 Gb, cámaras de 5 e 1,2 Mpíxeles, GPS, compás dixital, conector Lightning, batería de 16,3 vatios/hora que promete unha autonomía de ata 10 horas de navegación web a través de Wi-Fi e un peso de 308 gramos, que parte dun prezo de 329 euros, estando dispoñible na súa versión Wi-Fi a partir do 2 de novembro (os modelos con 3G chegará a finais do mes que vén).

JPEG - 26.8 KB
A diferenza de tamaño entre o iPad e o iPad mini muda os ámbitos de uso do trebello

Como curiosidade o iPad mini funciona con Siri, prestación que non está dispoñible no iPad 2 (pese a que comparten case todas as súas especificacións).

Suba de prezos

Tras á incorporación dos produtos de Apple presentados hoxe á tenda en liña de Apple podemos coñecer os seus prezos en España, o que converteuse nunha sorpresa desagradable, pois a compañía de Cupertino está a adoptar unha nova política de prezos na que está a prexudicarnos claramente, de xeito que o novo iPad pasa a custar 499 euros (vendíase a 479 euros antes da suba do IVE) e os ordenadores MacBook Pro e iMac teñen prezos superiores a se aplicásemos unha paridade euro=dólar (coa que xa saiamos perdendo). Como exemplo temos que un iMac de 27 polgadas custará a partir de 1.799 dólares nos EE.UU. (1.386 euros) mentres que en España haberá que pagar 1.899 euros polo mesmo equipo (diferenza de prezo moi superior ao que debería custar por mor do IVE e da garantía de 2 anos da que gozamos na U.E.).


Vídeo de presentación do iPad mini

PUBLICIDADE