Apple actualiza o MacBook Pro cos novos M5 Pro e M5 Max

martes, 3 de marzo do 2026 Redacción

Apple presentou os novos MacBook Pro de 14 e 16 polgadas equipados cos procesadores M5 Pro e M5 Max, unha actualización que eleva de novo o teito de rendemento do seu portátil profesional e reforza as capacidades de intelixencia artificial executadas directamente no dispositivo.
Os novos chips incorporan unha CPU redeseñada que integra ata 18 núcleos (seis supernúcleos de altas prestacións e doce núcleos de rendemento optimizados para eficiencia enerxética), ademais dunha GPU de última xeración con Neural Accelerator en cada núcleo. Esta arquitectura, desenvolvida baixo o que Apple denomina Fusion, combina dous chips nun único sistema en chip, cun maior ancho de banda de memoria unificada e melloras substanciais no procesamento multithread.
O M5 Pro e o M5 Max son ata catro veces máis rápidos no procesamento de modelos de linguaxe de gran tamaño en comparación coa xeración previa e ata oito veces máis rápidos na xeración de imaxes mediante IA fronte aos modelos con M1 Pro e M1 Max. Tamén se rexistran melloras de ata o 50 % no rendemento gráfico respecto ao M4 Pro e M4 Max, o que facilita o traballo en escenas 3D complexas en tempo real ou a previsualización inmediata de efectos visuais.
O M5 Pro admite ata 64 GB de memoria unificada cun ancho de banda de ata 307 GB/s, mentres que o M5 Max permite configuracións de ata 128 GB e 614 GB/s. Esta ampliación resulta especialmente relevante para tarefas como o adestramento intensivo de modelos de IA, o tratamento de grandes conxuntos de datos ou a edición de vídeo en 4K e 8K.
Apple duplica a velocidade de lectura e escritura respecto á xeración anterior, acadando ata 14,5 GB/s. A capacidade mínima sitúase en 1 TB para o MacBook Pro con M5 Pro e en 2 TB para o modelo con M5 Max, reforzando o enfoque profesional do equipo.
Os novos modelos incorporan o chip N1 deseñado por Apple, con compatibilidade para Wi-Fi 7 e Bluetooth 6, así como tres portos Thunderbolt 5, HDMI con saída ata 8K, lector de tarxetas SDXC e MagSafe 3. O M5 Pro permite conectar ata dous monitores externos de alta resolución, mentres que o M5 Max admite ata catro.
A autonomía acada ata 24 horas mentres que o rendemento mantense tanto conectado á corrente como en modo batería e que é posible acadar o 50 % de carga en 30 minutos cun adaptador USB-C de 96 watts ou superior.
O equipamento complétase cunha pantalla Liquid Retina XDR con opción de acabado nanotexturizado, brillo máximo HDR de 1.600 nits e ata 1.000 nits en contido SDR, cámara de 12 megapíxeles con Center Stage e Vista Cenital, micrófonos con calidade de estudio e sistema de son inmersivo con seis altofalantes e audio espacial. O conxunto intégrase con Apple Intelligence e macOS Tahoe como base de software.
Os novos MacBook Pro están dispoñibles en negro espacial e prata. As reservas comezan o 4 de marzo e a dispoñibilidade comercial arrinca o 11 de marzo. O modelo de 14 polgadas con M5 Pro parte de 2.549 euros, mentres que o de 16 polgadas con M5 Pro inicia en 3.049 euros. As versións con M5 Max sitúanse desde 4.249 euros en 14 polgadas e 4.549 euros en 16 polgadas.

Vídeo promocional dos novos MacBook Pro