Apple aproba unha aplicación pornográfica para os seus dispositivos móbiles en Europa

luns, 3 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

O feito de que a Lei de Mercados Dixitais abrise iOS e iPadOS a tendas de terceiros na Unión Europea acaba de dar pé a algo que Apple leva querendo evitar dende a creación da súa App Store: a autorización de aplicacións pornográficas.
Os responsables da AltStore PAL avisan de que, coincidindo co ano no que o iPhone cumpre 18 anos, chegan por fin aos dispositivo de Apple as aplicacións para adultos, comezando por Hot Tube de C1d3rDev, que pasará á historia por ser «a primeira aplicación porno do mundo en ser aprobada por Apple».
Sobra dicir que Apple non a aprobou para a súa App Store, senón para poder ser certificada para a súa instalación a través da AltStore PAL, tenda na que os usuarios poden acceder á polémica aplicación para adultos engadindo a fonte hottubapp.io/altstore/pal.
Apple non só tiña problemas para a autorización de Hot Tub por ser unha aplicación de reprodución de vídeos pornográficos, senón por carecer con medidas tan básicas como a verificación de idade para o acceso aos contidos, algo que entendemos que pode ser todo un problema para a aplicación (lembremos que a CNMC xa está a impor sancións en España pola ausencia de métodos efectivos de verificación de idade en páxinas web pornográficas).
Haberá que ver se a AltStore PAL incorpora medidas especiais para os contidos para adultos, ou se a propia Apple opta por incluír certas proteccións no sistema operativo agora que este tipo de aplicacións poden instalarse legalmente nos iPhone e iPad da Unión Europea.
Cómpre salientar que noutras plataformas como Windows, macOS ou Android non hai ningunha limitación para a instalación de aplicacións para adultos, e o feito de que Apple vete a pornografía na súa tenda de aplicacións cando é posible limitar o acceso a adultos resulta excesivamente arbitrario, pois permite que unha compañía poida impor os seus criterios éticos, prexudicando a numerosas empresas que comercializan contidos para adultos e que teñen que limitar a súa distribución para usuarios de Apple a páxinas web (sen poder gozar da adherencia das aplicacións nativas).