Apple comezará en setembro un proceso de renovación da liña iPhone

luns, 25 de agosto do 2025 Redacción

Tim Cook durante a posta á venda do iPhone 16

Apple está a poucas semanas do seu gran evento de lanzamento de produtos, polo que é moito o interese que está a espertar a compañía de Cupertino, o que aproveita Mark Gurman dende Bloomberg para adiantar que a partir de setembro, Apple abrirá un ciclo de tres anos con redeseños consecutivos. O primeiro paso será o iPhone Air, que substituirá o iPhone 16 Plus. Inspirado na estratexia do MacBook Air, será máis fino e lixeiro, aínda que cunha autonomía inferior, unha soa cámara traseira e sen rañura para SIM física. Tamén contaría cun módem desenvolvido por Apple.
Xunto a el chegarían os iPhone 17, 17 Pro e 17 Pro Max, cun deseño continuísta, melloras na cámara dos modelos Pro e unha nova cor laranxa. O Air, pola súa parte, venderíase en azul claro.
O salto real producirase en 2026 co lanzamento do primeiro iPhone encartable, de nome en clave V68, cun formato semellante aos Galaxy Z Fold de Samsung. Disporá de catro cámaras, sensor de pegada no canto de Face ID e modem C2. O obxectivo é que a produción arranque a comezos do ano para un lanzamento no outono.
En 2027, coincidindo co 20º aniversario do iPhone, Apple prepara un modelo con deseño en vidro curvado en todas as beiras, que se combinará cunha nova interface baseada en Liquid Glass.
Ademais do teléfono, Apple traballa en actualizacións do Apple Watch, un Vision Pro máis rápido, novos iPad Pro con chip M5, AirPods Pro con monitorización de ritmo cardíaco, novos HomePod mini e Apple TV.
O ano que vén tamén haberá un iPhone 17e, iPad de gama baixa, novos iPad Air e portátiles Mac con procesador M5, xunto cun monitor externo redeseñado. Entre os proxectos máis novidosos figura un HomePod con pantalla e sistema operativo específico para o fogar, Charismatic.
Na parte de servizos, Apple incrementou o prezo de Apple TV+ de 9,99 a 12,99 dólares ao mes e lanzou AppleCare One, un plan de 20 dólares mensuais que cobre tres dispositivos. En paralelo, prepara Health+, un servizo de saúde con recomendacións personalizadas mediante IA.
A nivel estratéxico, a compañía avalía se continúa desenvolvendo modelos propios para Siri ou se aposta por tecnoloxías externas. Mantén conversas avanzadas con Anthropic e tamén con Google, que traballa xunto a Apple para adaptar Gemini ao seu sistema Private Cloud Compute.