Apple compensará economicamente pola publicidade enganosa de Apple Intelligence

mércores, 6 de maio do 2026 Redacción

Apple acordou o pagamento de ata 250 millóns de dólares para pechar unha demanda colectiva nos Estados Unidos na que se lle atribuía publicidade enganosa arredor das súas funcións de intelixencia artificial nos iPhone. O pacto, presentado este martes nun tribunal federal de California, non implica recoñecemento de culpa por parte da empresa, pero resolve as reclamacións formuladas nun proceso iniciado o ano pasado.
A acción xudicial centrábase na promoción das capacidades de Apple Intelligence, incluíndo melloras anunciadas para o asistente de voz Siri. Segundo os demandantes, a compañía de Cupertino presentou funcionalidades que non estaban dispoñibles no momento do lanzamento, nin o están actualmente, e que poderían non chegar ata dentro de varios anos.
O acordo prevé compensacións individuais de entre 25 e 95 dólares para usuarios nos Estados Unidos que mercasen un iPhone 15 ou un iPhone 16 entre xuño de 2024 e marzo de 2025.
Unha voceira sinalou que o litixio se centraba «na dispoñibilidade de dúas funcións adicionais» dentro dun conxunto máis amplo de novidades vinculadas ao despregue de Apple Intelligence, e asegurou que a resolución permite manter o foco «en ofrecer os produtos e servizos máis innovadores aos usuarios».
Os avogados da demanda sosteñen que a estratexia comercial buscaba posicionar a empresa na carreira pola intelixencia artificial fronte a novos actores do sector tecnolóxico, como OpenAI ou Anthropic. A publicidade presentaba Siri como un asistente persoal avanzado, capaz de evolucionar «dunha interface de voz limitada a un asistente de IA completo», algo que, segundo a denuncia, non chegou a materializarse.
Na versión revisada da demanda, presentada a semana pasada, recóllese que o iPhone 16 foi comercializado sen incorporar Apple Intelligence e que as melloras prometidas para Siri non se materializaron.