Apple dará máis liberdade aos usuarios de iOS e iPadOS na UE
xoves, 22 de agosto do 2024
A primeiros de mes Apple introduciu novos cambios nas condicións da App Store, claramente insuficientes para cumprir coa lexislación europea, e hoxe anuncian unha serie de cambios realmente importantes que dan a impresión de que a compañÃa da mazá por fin toma en serio as esixencias da Comisión Europea introducidas a través da Lei de Mercados Dixitais (DMA).
Dun xeito semellante ao que acontece con Windows, para finais de ano na Unión Europea os dispositivos con iOS e iPadOS terán que ofrecer a posibilidade de escoller o navegador web predeterminado (ou sexa, que Apple non poderá impor o uso de Safari).
Tamén estrearán unha sección de aplicacións predeterminadas na configuración dos dispositivos, para que os usuarios poidan elixir no futuro non só o seu navegador web, senón tamén a súa aplicación de teléfono, a súa aplicación de mensaxes de texto, a súa ferramenta de tradución de texto, o seu administrador de contrasinais, o seu teclado e incluso o seu filtro contra chamadas non desexadas.
Pero probablemente a novidade máis rechamante de todas é que no futuro os usuarios na Unión Europea poderán incluso borrar aplicacións tan importantes como a App Store, Mensaxes, Fotos, Cámara e Safari, ou sexa, que non só poderán escollerse alternativas, senón que será posible eliminar as aplicacións orixinais de Apple dos dispositivos, deixando claro que os usuarios teñen liberdade para escoller as súas aplicacións predeterminadas.