Apple deberá abrir para pagamentos o NFC do iPhone na UE

xoves, 11 de xullo do 2024 Marcus Fernández

Hai un par de anos a Comisión Europea fixo públicas as súas conclusións sobre a investigación sobre o abuso de posición dominante de Apple no mercado dos sistemas de pagamento móbil ao impedir que os iPhone puidesen realizar pagamentos sen contacto con sistemas distintos a Apple Pay, e finalmente acordouse aceptar os compromisos vinculantes de Apple ao respecto, o que supón a apertura do NFC do iPhone a outros sistemas de pagamento como acontece en teléfonos con Android.
Limitar os pagamentos móbiles dende o iPhone a Apple Pay era un claro abuso de posición dominante, e comunicada esta conclusión da Comisión Europea a Apple, a compañía de Cupertino propuxo como solución permitir a sistemas de pagamento de terceiros o acceso ao NFC do iPhone sen custo, así como posibilidade de que as aplicacións de moedeiro electrónico que creen poidan empregarse como sistema de pagamento predeterminado dun xeito sinxelo.
Apple tamén establecerá un procedemento obxectivo, transparente e non discriminatorio para habilitar o acceso do NFC a desenvolvedores de aplicacións de pagamento; establecerán un mecanismo de monitorización e un sistema de disputas; e tamén permitir que estas vantaxes para os usuarios europeos poidan aproveitarse cando viaxen fóra da Unión Europea.
A Comisión Europea decidiu facer que os compromisos de Apple se convertesen en legalmente vinculantes durante os vindeiros 10 anos, aplicables no espazo europeo, e contando coa supervisión da Comisión, á que Apple deberá informar sobre a implementación destas medidas.