Apple despide a máis de 700 traballadores
venres, 5 de abril do 2024
Nas últimas semanas había rumores sobre a cancelación do proxecto de desenvolvento dun coche eléctrico con funcións de condución autónoma por parte de Apple, e agora temos a confirmación a través da entidade pública de Emprego do Estado de California, onde a compañía de Cupertino tivo que rexistrar os centos de despedimentos que tivo que realizar recentemente.
En total falamos de máis de 700 despedimentos, dos que 371 corresponderían ao proxecto do coche eléctrico, pois aínda que se falaba de que os traballadores serían recolocados na nova división de intelixencia artificial, loxicamente non se refería aos profesionais da industria do motor.
O proxecto levaba investidos milleiros de millóns de dólares durante a última década, pero as dificultades para facelo realidade a medio prazo e a evolución do sector (que coa entrada de numerosos competidores chineses podería facer que caese a marxe de beneficio) levou ao seu abandono.
Do resto de despedimentos da compañía aseguran que o resto corresponderían ao proxecto de creación de pantallas MicroLED de marca propia, que tería atopado moitos atrancos técnicos e económicos tamén durante toda unha década, e finalmente terían decidido abandonalo, deixando claro que as pantallas de tabletas, teléfonos e ordenadores de Apple continuarán a depender de provedores externos durante bastantes anos.