Apple e Google investigadas por incumprir a Lei de Mercados Dixitais

mércores, 19 de marzo do 2025 Marcus Fernández

O ano pasado a Comisión Europea insistiu en varias ocasións que estaba a investigar os incumprimentos de Apple da Lei de Mercados Dixitais (DMA), tendo iniciado un procedemento para esixir a Apple unha maior interoperabilidade, e transcorrido os 6 meses de prazo para este procedemento anuncia as medidas que considera oportunas para que a compañía de Cupertino respecte a lexislación europea.
Por unha banda, a Comisión Europea esixe a Apple que 9 funcións de conectividade de iOS, empregadas para conectar o iPhone a trebellos como reloxos, auriculares ou televisores, estean dispoñibles para os fabricantes e desenvolvedores de aplicacións, facilitando así funcións como amosar notificacións en reloxos conectados, gozar de transferencias de datos máis rápidas ou poder emparellarse de xeito rápido, ou sexa, que os produtos de terceiros poidan ter un funcionamento semellante aos de Apple, e non teñan limitacións impostas por unha compañía que simplemente busca reducir a competencia.
A Comisión tamén pide melloras na transparencia e eficacia do proceso que Apple deseñou para que os desenvolvedores interesados en obter interoperabilidade coas funcións do iPhone e o iPad. Estas solicitudes deberían ser rápidas e equitativas, contar cun calendario previsible e estar acompañadas por información técnica sobre funcións aínda non dispoñibles para terceiros.
Estas esixencias da Comisión Europea son xuridicamente vinculantes, e levaron a Apple a responder que «as decisións de hoxe atrápanos na burocracia, ralentizando a capacidade de Apple para innovar para os usuarios en Europa e obrigándonos a entregar de balde as nosas novas funcións a compañías que non teñen que seguir as mesmas normas. Isto é malo para os nosos produtos e para os nosos usuarios europeos. Seguiremos traballando coa Comisión Europea para axudalos a comprender as nosas preocupacións en nome dos nosos usuarios».

Investigación sobre Alphabet

Pero Apple non é a única compañía investigada pola Comisión Europea sobre o seu incumprimento da Lei de Mercados Dixitais (DMA), senón que tamén hai unha investigación aberta a Alphabet, a empresa matriz de Google, precisamente polo funcionamento do buscador web, que favorece os servizos propios da compañía en comparación cos da competencia, sen garantir un trato transparente, xusto e non discriminatorio, tal e como esixe a Lei.
A Comisión tamén considera que a tenda de aplicación para Android, Google Play, tampouco cumpre a DMA ao impedir aos desenvolvedores de aplicacións orientar libremente aos consumidores a outras canles con mellores ofertas e impor taxas elevadas aos desenvolvedores durante un período excesivamente longo por cada compra de bens e servizos dixitais.
Nesta ocasión estamos ante conclusións preliminares, polo que Alphabet aínda pode defenderse ante a Comisión, de cara á sanción que previsiblemente recibirá nos vindeiros meses.