Apple foi o meirande vendedor de móbiles en 2023

martes, 16 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Que durante o último trimestre do ano Apple vende moitos iPhone a nivel mundial non sorprende, xa que é o momento no que a compañía de Cupertino renova a súa liña de smartphones e os seus competidores directos están a piques de lanzar novos modelos (polo que os actuais xa teñen pouco atractivo de compra), pero que no balance anual o iPhone poida liderar o mercado de móbiles si que é algo que non se esperaba, e os datos de IDC e de Canalys (que aínda non son definitivos) sosteñen precisamente que Apple logrou colocar no mercado máis móbiles que Samsung.
En total, Apple tería colocado no mercado un total de 234,6 millóns de móbiles, mentres que Samsung quedaría lixeiramente por debaixo con 226,6 millóns de unidades, e bastante lonxe de Xiaomi (145,9 millóns), Oppo (103,1 millóns) e Transsion (94,9 millóns).
Deste xeito Samsung perdería a posición líder que ocupaba nos últimos 13 anos tras desbancar a Nokia (daquela Apple tiña unha presenza modesta no mercado, quedando incluso por detrás de marcas como LG e BlackBerry, agora desaparecidas do sector).
Cómpre salientar que o liderado de Samsung xa estaba ameazado no pasado, e foron as sancións de EE.UU. as que lograron frear o ascenso de Huawei ao primeiro posto mundial, e os analistas advirten de que o fabricante chinés está a rexurdir tras conseguir superar as limitacións impostas polos EE.UU. para fabricar procesadores moi avanzados e dotar aos seus novos móbiles con 5G.
O que si recollen os datos actuais é que o mercado de móbiles en 2023 tería caído un 3,2% fronte a 2022, deixando claro que o sector dos smartphones chegou ao seu teito, do mesmo xeito que pasou hai anos co sector dos ordenadores persoais, e dinamizar os mercados é cada vez máis complicado, sendo preciso que xurdan innovacións que animen aos usuarios a renovar os seus dispositivos.

PUBLICIDADE