Apple mantén as primeiras posicións entre os smartphones máis vendidos a nivel mundial

xoves, 7 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Counterpoint Research vén de publicar o seu informe sobre os smartphones máis vendidos durante o terceiro trimestre do ano a nivel mundial, cuns resultados bastante previsibles, aínda que con certos cambios con respecto ao ano pasado.
Por unha banda temos que o móbil máis vendido sería o iPhone 15 con 3,5% de cota de mercado, seguido polo iPhone 15 Pro Max e o iPhone 15 Pro, aínda que este ano o cambio sería que o cuarto móbil máis vendido non sería o iPhone 14, que quedaría nun posto 8, pois adiantáronos 4 móbiles de gama baixa de Samsung. Completarían a relación un móbil bastante popular de Xiaomi (o Redmi 13C 4G) e o Samsung Galaxy S24, sendo especialmente importante esta última incorporación na listaxe, pois no mesmo período do ano pasado non figuraba ningún móbil de gama alta de Samsung, aínda que si figuraba un móbil de gama media (o Galaxy A54) que nesta ocasión estaría desaparecido. Resulta complicado ler este resultado, pois este ano temos no Top 10 máis móbiles de gama alta que o ano pasado, pero menos nos primeiros postos, dando a impresión de que o mercado podería experimentar lixeiros cambios, aínda que mantendo certa previsibilidade.
Counterpoint destaca que o Samsung Galaxy S24 levaría xa tres trimestres consecutivos no Top 10, algo que non acontecía cun móbil de gama alta de Samsung dende 2018, o que podería dar a entender que a estratexia de promocionar as capacidades de IA dos móbiles de gama alta de Samsung está a ser un acerto, e dado que agora é Apple a que entra nesa guerra será interesante comparar a situación actual coa de dentro dun ano.