Apple merca Shazam

luns, 11 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Tras unha ponte festiva chega de rumores sobre a posible compra de Shazam por parte de Apple, finalmente a compañía de Cupertino confirmou a adquisición da empresa célebre polo seu sistema de recoñecemento musical que evolucionou para identificar tamén películas, series de televisión e anuncios partindo de pequenos fragmentos sonoros.
A operación podería terse pechado nuns 400 millóns de dólares, lonxe dos 1.000 millóns polo que valoraban a compañía no pasado, pero que claramente era unha cantidade desorbitada se atendemos ao feito de que durante 2016 só conseguiu facturar 54 millóns de dólares.
Queda por ver cal será o futuro de Shazam como aplicación independente e dispoñible para Android, e como aproveitará a tecnoloxía de Shazam Apple, parecendo previsible a súa integración con Siri (Google Now xa integra o recoñecemento de cancións) e o seu aproveitamento de cara a potenciar o servizo Apple Music, aínda que cómpre lembrar que Shazam tamén ten funcionalidades de recoñecemento visual e realidade aumentada que poderían ser de grande utilidade para desenvolvementos futuros.

PUBLICIDADE