Apple modifica as normas da App Store na UE para adaptarse á DMA

xoves, 26 de xuño do 2025 Redacción

Apple anunciou unha importante revisión das políticas da App Store na Unión Europea para dar cumprimento á Lei de Mercados Dixitais (DMA). Os cambios afectan tanto aos termos comerciais como ás posibilidades de promoción e pagamento que teñen os desenvolvedores, e entran en vigor de maneira inmediata para as aplicacións distribuídas na UE.

Promoción máis aberta para os desenvolvedores

Unha das principais novidades é que Apple flexibiliza as restricións para promover servizos externos dende as aplicacións. A partir de agora, os desenvolvedores poderán incluír múltiples ligazóns dentro das súas apps (con parámetros de seguimento, redireccións ou vistas web) sen limitarse a unha única URL estática. Tamén poderán promocionar as súas ofertas en canles externas como outras páxinas web, apps ou mercados alternativos, e deseñar libremente a interface destas promocións.
Apple tamén modificará o sistema de advertencias que aparece ao premer en ligazóns externas: mostrarase só a primeira vez, cunha opción para desactivala nas seguintes interaccións coa mesma aplicación.

Novos termos comerciais: comisións por servizos e instalacións

A compañía anunciou ademais novos termos comerciais que afectarán a desenvolvedores que empreguen métodos de pago alternativos ou enlacen a páxinas externas desde as súas apps:
– Introduce unha taxa de adquisición inicial do 2 % sobre as vendas a novos usuarios durante os primeiros seis meses tras a descarga da app (exenta para os inscritos no programa de pequenas empresas de Apple).
– A Store Services Fee divídese en dous niveis:
– Nivel 1, cun 5 % de comisión, inclúe só servizos básicos como distribución, seguridade e xestión de aplicacións.
– Nivel 2, cunha comisión do 13 % (reducida ao 10 % para pequenas empresas e subscricións veteranas), mantén todos os servizos actuais da App Store.
Outra das mudanzas relevantes é a transición cara a un novo modelo de negocio unificado que Apple aplicará a partir do 1 de xaneiro de 2026. Os desenvolvedores baixo os termos alternativos actuais pagan 0,50 â‚¬ por cada instalación anual que supere o millón. No novo modelo, pasarán a pagar unha comisión do 5 % sobre as vendas realizadas a través de promocións con métodos de pago alternativos.

Críticas dende Epic Games

As críticas non se fixeron esperar. Tim Sweeney, CEO de Epic Games, tachou os novos termos de «ilegalidade flagrante tanto en Europa como nos Estados Unidos» e acusou a Apple de aplicar un «cumprimento malicioso» que, na súa opinión, «burla a competencia leal». Segundo Sweeney, os desenvolvedores que opten por métodos de pagamento alternativos están a ser «gravados e paralizados comercialmente» dentro do ecosistema de Apple.