Apple pagará 95 millóns de dólares aos afectados polas gravacións indiscretas de Siri

venres, 3 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

En 2019 desvelouse que había traballadores revisando gravacións de voz realizadas dende os iPhone entre as que figuraba numerosa información confidencial e íntima por mor dunha activación accidental de Siri. Este sistema correspondía a un sistema de control de calidade do asistente de voz, e segundo Apple correspondía a menos do 1% das activacións de Siri e as gravacións tiñan unha duración de poucos segundos.
Apple chegou a desculparse oficialmente, matizando que nunca empregan os datos de Siri para crear perfís de márketing nin os venden a terceiros, senón que aproveitan a información unicamente para mellorar a propia Siri. Tamén anunciaron a suspensión do programa de avaliación por parte de humanos, asegurando que menos do 0,2% das mostras de audio eran supervisadas por humanos para verificar o bo funcionamento de Siri.
Tras esta polémica, Apple mudou as súas políticas relativas a Siri, deixando de gardar gravacións de audio, permitindo que os usuarios poidan colaborar na mellora de Siri voluntariamente e, no caso de que o usuario acepte contribuír á mellora de Siri, os únicos humanos que revisarían as gravacións serían traballadores de Apple (e non de empresas externas).
Pero a reacción de Apple non impediu que se iniciase unha demanda colectiva nos EE.UU., que vén de concluír cun acordo a través do que os usuarios afectados polas gravacións de Siri recibirán até 20 dólares por persoa, o que suporía até 95 millóns de dólares. A compañía de Cupertino mantén que actuou ben en todo momento, pero optou por solucionar a demanda dun xeito rápido e discreto.