Apple presenta o SDK para o iPhone

xoves, 6 de marzo do 2008 Marcus Fernández

Apple anunciou finalmente o paquete de creación de aplicacións para o iPhone (e iPod Touch), de xeito que os programadores de todo o mundo poderán comezar a tirar un maior proveito do móbil de Apple. O SDK inclúe unha interface grafica de desenvolvemento Xcode, un simulador do iPhone (para poder probar no ordenador as distintas aplicacións), ferramentas de análise e outras prestacións que xa se pode descargar de balde.
Aínda así, os programadores que queiran achegar as súas aplicacións a todo o mundo deberán contratar un programa por 99 dólares (de querer desenvolver aplicacións de balde ou de pago) ou por 299 dólares (para programar aplicacións propietarias con orientación corporativa).

Steve Jobs presentou a futura tenda de aplicacións para o iPhone

Calquera desenvolvedor afiliado poderá publicar os seus programas (e xogos) a través de iTunes, de xeito que os ingresos acadados pola súa venda se repartirán ó 70/30 (quedando Apple cunha comisión do 30%, sen cotas de alta ou mantemento) e a mesma plataforma tamén poderá empregarse para a distribución de aplicacións gratuítas.
Nun principio estas novidades estarán restrinxidas ós desenvolvedores, abríndose ó resto de usuarios no mes de xuño, cando Apple presentará a versión 2.0 do firmware do iPhone (actualmente na versión 1.1.4) que será de balde para os propietarios actuais do móbil da compañía de Cupertino (os usuarios do iPod Touch poderían ter que pagar pola actualización), aínda que algunhas empresas poderán beneficiarse xa da actualización a través do iPhone Enterprise Beta Program. Tal renovación do iPhone está moi orientada ó uso corporativo, incluíndo o soporte de Microsoft Exchange Active Sync e Cisco IPsec VPN.

O SDK do iPhone incluirá un simulador para probar as aplicacións para o móbil dende Mac OS X

O iPhone tamén se abrirá ó uso de aplicacións de VoIP a través de Wi-Fi, contará cun cliente de mensaxería instantánea (de AOL) e poderá gozar de impresionantes xogos, adiantándose algúns durante a presentación (como unha versión do agardado Spore).
Para fomentar a creación de aplicacións para o iPhone tamén se creou iFund, que achegará 100 millóns de dólares a pequenos desenvolvedores.

PUBLICIDADE