Apple presenta o chip M5

mércores, 15 de outubro do 2025 Marcus Fernández

Apple anunciou o lanzamento do M5, o seu novo procesador deseñado para ofrecer un importante salto en rendemento, especialmente nas tarefas de intelixencia artificial e nos procesos gráficos. O chip está fabricado con tecnoloxía de tres nanómetros de terceira xeración e integra unha nova arquitectura de GPU con dez núcleos, cada un deles equipado cun Neural Accelerator dedicado. Esta innovación permite cuadriplicar o rendemento máximo da GPU respecto ao M4 e multiplicalo por seis en comparación co M1.
O M5 incorpora tamén unha CPU de ata dez núcleos (catro de rendemento e seis de eficiencia) que mellora ata nun 15 % o rendemento en procesos multifiío, así como un Neural Engine de dezaseis núcleos máis rápido e un ancho de banda de memoria unificada un 30 % superior, que alcanza agora os 153 GB/s. Estas melloras fan posible executar modelos de IA máis complexos directamente no dispositivo, tanto en MacBook Pro como en iPad Pro e Apple Vision Pro, os primeiros equipos que integran o novo chip e que xa se poden reservar.
A nova GPU de última xeración do M5 ofrece tamén un trazado de raios de terceira xeración, que acelera ata un 45 % o rendemento gráfico en aplicacións e xogos compatibles. Ademais, incorpora un sistema de almacenamento dinámico en caché de segunda xeración que proporciona unha experiencia máis fluída, con gráficos máis realistas e renderizados máis rápidos en proxectos 3D e en aplicacións de alta carga visual.
O chip intégrase plenamente cos contornos de software de Apple, de modo que as aplicacións que empreguen Core ML, Metal Performance Shaders ou Metal 4 verán mellorado o seu rendemento sen necesidade de adaptación. Ademais, os desenvolvedores poderán programar directamente os Neural Accelerators mediante as API Tensor en Metal 4.
O Neural Engine de 16 núcleos, en combinación cos Neural Accelerators da CPU e da GPU, ofrece un rendemento superior en tarefas de IA con alta eficiencia enerxética. Grazas a iso, funcións como a xeración de contido visual, o procesamento de modelos de linguaxe ou a análise de imaxes execútanse con maior velocidade e precisión.
En canto á memoria, o M5 ofrece un ancho de banda de 153 GB/s e opcións de ata 32 GB de capacidade, o que permite executar simultaneamente aplicacións profesionais esixentes como Adobe Photoshop e Final Cut Pro mentres se realizan outras tarefas en segundo plano.