Apple presenta os novos iPhone

martes, 12 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Durante o evento especial de Apple que inaugurou o Steve Jobs Theater, tras presentar o novo Apple Watch Series 3 e o Apple TV 4K chegou o momento de confirmar os rumores dos últimos meses, e dar conta dos que serán os novos smartphones da compañía da mazá, que parten dos iPhone 8 e 8 Plus, evolución directa dos iPhone 7 e 7 Plus, pero cunhas aparencias externas tan semellantes que sorprendeu que non se adoptase a denominación iPhone 7S e 7S Plus.
Os novos iPhone 8 e 8 Plus chegarán ao mercado español o 22 de setembro (abríndose a reserva o 15 de setembro), repetindo a xogada de comercializarse con pantalla Retina HD de 4,7 e 5,5 polgadas, que desta volta evolucionan ao contar con True Tone e unha gama de cores máis ampla. Venderanse en cor prata, ouro e gris espacial cun prezo de 809 euros para o iPhone 8 con 64 GB de almacenamento e a 979 euros con 256 GB de almacenamento, mentres que o iPhone 8 Plus custará 919 e 1.089 euros nas súas versións con 64 e 256 GB de almacenamento.
Como base da renovación destes teléfonos temos a integración dun procesador A11 Bionic de 6 núcleos e a substitución da súa carcasa traseira metálica por outra de vidro, o que permite a incorporación da carga sen fíos baixo o estándar Qi (ou sexa, que Apple apostaría pola norma presente en móbiles da competencia e que conta cun amplo abano de accesorios entre os que non faltan distintos mobles de IKEA).
Outras novidades serían moito máis sutís, de xeito que volvemos ver como o modelo de 4,7 polgadas ten unha única cámara traseira, mentres que o modelo de 5,5 polgada goza de cámara dual. Aínda que o procesado de imaxe inclúe melloras con respecto á anterior xeración, parece que o máis salientable das novas cámaras é que melloran a gravación de vídeo, de xeito que agora podemos gozar de vídeo 4K a 60 imaxes por segundo e de cámara lenta Full HD até a 240 fotogramas por segundo.
O aproveitamento da dobre cámara do iPhone 8 Plus non se limitará a deixar elixir entre 2 distancias focais ou en conseguir información para poder aplicar o enfoque selectivo, senón que tamén será posible realizar funcións de laboratorio fotográfico en vivo, con distintos efectos que axustan a iluminación en función dun sistema de recoñecemento da escena que separa o fondo do obxecto a retratar, conseguindo así fermosas instantáneas.
No que se refire á carga sen fíos, Apple tamén decidiu integrala no Apple Watch e nos AirPods, e para facilitar a carga de todos estes dispositivos teñen previsto comercializar o ano que vén unha base chamada AirPower na que poderanse pousar os 3 dispositivos á vez para a súa recarga, de xeito que este accesorio aspira seriamente a facerse un oco nos dormitorios de moitos seareiros dos produtos de Apple.

Vídeo de presentación do iPhone 8 e iPhone 8 Plus

Unha cousa máis

Pero o público quedou bastante frío tras verse que os novos iPhone eran moi semellantes aos anteriores, e buscaban algo máis, que atendese aos rumores dun cambio importante de deseño, o que finalmente chegou cando Tim Cook asegurou que quedaba por presentar «One More Thing», ou sexa, unha sorpresa máis que non era outra cousa que o iPhone X, sendo ese nome referencia directa ao décimo aniversario do smartphone de Apple.
Este novo terminal inclúe numerosas novidades, pero non todas se recibirán co mesmo entusiasmo, xa que algunhas decisións de deseño parecen terse adoptado para axustarse ás tendencias de mercado, pero que poden chegar a entenderse como un paso atrás por parte de moitos consumidores, como a erradicación do Touch ID, xa que o novo smartphone ten unha pantalla Super Retina de 5,8 polgadas que ocupa case toda a superficie frontal do móbil, non deixando oco dabondo para un sensor de pegadas dixitais, o que levou a Apple a substituílo por un sistema de recoñecemento facial (baseado na proxección de 30.000 puntos infravermellos para facer un mapa tridimensional da cara do usuario), en vez de mover o sensor á parte traseira (como fixo Samsung co Galaxy S8 ou co Note8), medida pouco xustificada por Apple e que parece un paso atrás en seguridade, xa que o novo Face ID non se empregará unicamente para desbloquear o teléfono, senón tamén para a realización de pagamentos móbiles.
O iPhone X sería o primeiro smartphone de Apple en contar con pantalla OLED, que soporta HDR (Dolby Vision e HDR10) de xeito que consegue reproducir de xeito impresionante os contidos audiovisuais que fagan uso das últimas tecnoloxías da imaxe. Coa tecnoloxía True Tone a pantalla tamén realiza un balance de brancos con respecto á iluminación ao redor, conseguindo unha experiencia de visualización bastante confortable.
A nivel de cámaras si se produce unha mellora importante, xa que a cámara de profundidade que fai posible o Face ID tamén serve para achegar información de profundidade ás fotografías, servindo así tamén para poder disparar atractivos retratos coa cámara frontal do móbil. As cámaras traseiras, pola súa banda, son dúas de 12 Mpíxeles con aperturas f/1.8 e f/2.4 e estabilización óptica, polo que deberían ofrecer magníficos resultados tanto en fotografía como en vídeo.
O iPhone X pode gravar vídeo 4K até a 60 cadros por segundo e Full HD a até 240 fotogramas por segundos, aínda que non faltará o que se fixe especialmente nos Animoji, unha nova prestación que aproveita a cámara de profundidade do iPhone para recrear a súa cara tridimensionalmente e detectar a súa expresión facial, empregando tal tecnoloxía para que certas emoticonas poidan expresar emocións ou incluso empregarse para gravar mensaxes falados que intercambiar a través de mensaxería instantánea. Unha desas prestacións que non supoñen ningunha evolución real (esta tecnoloxía emprégase, por exemplo, nas máscaras de Snapchat e Facebook), pero que son un elemento que resultará rechamante durante os primeiros días dos novos móbiles no mercado.
O iPhone X non poderá reservarse até o 27 de outubro, chegando ás tendas a partires do 3 de novembro a un prezo de 1.159 euros para o modelo con 64 GB de almacenamento interno e a 1.329 euros no caso do modelo con 256 GB de almacenamento interno, deixando claro que este será o dispositivo de Apple ao que aspirar durante os vindeiros meses.

Vídeo de presentación do iPhone X

PUBLICIDADE