Apple presentará novos equipos durante a semana que vén

xoves, 24 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Había rumores de que o 1 de novembro sairían á venda versións renovadas de equipos de Apple, para o que parecía de seu que se celebrase un evento da compañía de Cupertino a finais de mes pero, vendo como pasaban os días e non se convocaba á prensa, quedaba claro que iamos ter o agardado evento de outubro, o que vén a confirmar o director de Marketing de Apple, Greg Joswiak, que na súa conta de X adiantou que o luns comeza unha semana de anuncios.
Non é a primeira vez que Apple fai algo semellante, pasando dun grande evento a presentar mediante nota de prensa un produto cada día, conseguindo así acaparar a atención dos medios tecnolóxicos durante toda a semana.
Desta volta confíase en que a renovación chegue aos ordenadores, que recibirían os novos procesadores da familia M4 a tempo para a campaña de Nadal, sendo o máis agardado o Mac mini, non porque sexa un produto moi vendido, senón polo feito de que está previsto que por fin mude o seu deseño para adoptar un formato moito máis compacto e acorde á electrónica do seu interior (os modelos actuais están case baleiros). De cumprirse as filtracións, falaríamos de modelos de Mac mini cun tamaño semellante a un Apple TV, cun mínimo de 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento interno, o que suporía un importante salto na gama de entrada de Apple. Parece garantido que conte con versión M4, sendo tamén bastante probable que mantendo un tamaño compacto poida contar tamén con versión con M4 Pro.
Outro día está previsto que se renove o xa tradicional MacBook Pro, agora con versión con M4, M4 Pro e M4 Max, e pantallas en tamaños de 14 e 16 polgadas.
Outra xornada podería estar reservada para o iMac con M4, que podería contar con poucas novidades, aínda que o que si terían que renovarse son os seus accesorios, para incorporar portos de carga USB-C.
Dado que o iPad mini xa se actualizou a semana pasada, non parece probable que se actualice ningún iPad a semana que vén, aínda que non podemos esquecer que o iPad Air aínda está equipado cun M2, polo que a dúbida sería se van renovarse estes días ou agardará a 2025. Unha dúbida semellante teriamos cos MacBook Air, equipados actualmente con M3.
Estas renovacións de equipos son bastante importantes dentro da estratexia de comunicación de Apple, pois a compañía situar a intelixencia artificial como estratexia de futuro, polo que mellorar as capacidades dos equipos informáticos é moi importante para ofrecer unha boa experiencia de uso, especialmente nas configuracións máis básicas, que están equipadas con pouca memoria RAM, o que supón todo un atranco para mover modelos de IA en local.