Condenan a Apple por pretender compensar as súas emisións de CO2 con plantacións de eucaliptos

martes, 26 de agosto do 2025 Redacción

O Apple Watch comercialízase como o primeiro produto de Apple carbon neutral

O Tribunal Rexional de Frankfurt estimou a demanda de cesamento presentada pola organización ecoloxista Deutsche Umwelthilfe (DUH) contra Apple e prohibiulle á compañía estadounidense anunciar determinados modelos da Apple Watch como produtos neutros en CO2. A sentenza conclúe que a afirmación é enganosa, xa que os proxectos de compensación empregados por Apple non garanten unha neutralidade real das emisións, polo que estariamos ante un caso de greenwashing.
Segundo se revelou durante o proceso, Apple baseaba a suposta neutralidade climática dos seus reloxos en plantacións de eucalipto en Paraguai. Estes cultivos, alén de seren monocultivos de curta duración, teñen contratos de arrendamento que expiran en 2029 e non contan con garantías de continuidade nin de uso posterior. Para o tribunal, nin os prazos nin as denominadas contas de reserva achegadas pola empresa son dabondo para asegurar unha retención de carbono a longo prazo.
O director federal da DUH, Jürgen Resch, valorou a resolución indicando que «Apple sostén falsamente a impresión de que os seus Apple Watch teñen unha pegada de carbono neutra. Trátase dun engano baseado nun comercio de indulxencias climáticas con proxectos inútiles». Engadiu que as empresas multinacionais deben ofrecer información clara e verificable sobre o impacto ambiental real dos seus produtos.
Pola súa banda, o avogado da DUH, Remo Klinger, destacou que o tribunal coincidiu plenamente coa súa argumentación e considerou probada a falta de seguridade sobre o futuro dos proxectos en Paraguai: «Apple non puido demostrar unha prórroga dos contratos de arrendamento nin asegurar a permanencia das plantacións, polo que a súa publicidade resulta simplemente enganosa».
A organización ecoloxista tamén puxo de relevo que as plantacións de eucalipto non son bosques naturais, senón explotacións industriais que empregan pesticidas prexudiciais para as abellas, consomen enormes cantidades de auga e son altamente inflamables en períodos de seca, o que fai aínda máis dubidosa a súa capacidade de almacenar carbono de forma duradeira.