Apple promete maiores investimentos nos EE.UU. evitar unha maior carga arancelaria

mércores, 6 de agosto do 2025 Redacción

Tim Cook anunciou hoxe na Casa Branca que Apple reforzará substancialmente o seu compromiso cos Estados Unidos cun novo plan de investimento de 100.000 millóns de dólares que eleva o total previsto para os próximos catro anos a 600.000 millóns. Este movemento inclúe a posta en marcha do novo American Manufacturing Program (AMP), unha iniciativa destinada a fortalecer a cadea de subministración e a fabricación avanzada de Apple dentro do país, ao tempo que incentiva a participación de provedores globais na produción de compoñentes clave nos EE.UU.
«Hoxe estamos orgullosos de anunciar un investimento de 600.000 millóns de dólares nos Estados Unidos e de presentar o noso novo programa de fabricación americana», declarou o director xeral de Apple, Tim Cook. «Isto inclúe novas colaboracións con dez empresas que fabrican compoñentes para produtos Apple vendidos en todo o mundo, e agradecemos ao Presidente o seu apoio».
Segundo a compañía, aproximadamente dous terzos dos compoñentes fabricados nos Estados Unidos son exportados. A día de hoxe, Apple colabora con milleiros de provedores nos 50 estados, apoiando máis de 450.000 empregos entre socios e provedores. Ademais, prevé contratar directamente a 20.000 persoas nos vindeiros catro anos, principalmente nos ámbitos de I+D, enxeñaría de semicondutores, desenvolvemento de software e intelixencia artificial.
O AMP arrinca cunha listaxe de socios industriais que inclúe Corning, Coherent, GlobalWafers America, Applied Materials, Texas Instruments, Samsung, GlobalFoundries, Amkor e Broadcom. O programa permitirá, por exemplo, que todo o vidro de protección dos iPhone e Apple Watch se fabrique en Kentucky grazas á ampliación da planta de Corning en Harrodsburg, onde tamén se abrirá un novo centro de innovación xunto con Apple.
Outro dos piares do programa é a cadea de subministración de semicondutores. Apple está a impulsar a produción de chips con socios como TSMC, que fabrica decenas de millóns de unidades para a compañía na súa fábrica de Arizona, onde Apple é o principal cliente. Esta cadea inclúe desde a produción de obleas de silicio por parte de GlobalWafers America, con silicio procedente de Corning, ata o empaquetado final, a cargo da nova planta de Amkor en Arizona.
Apple tamén está a colaborar con empresas como Coherent, que fabrica os láseres VCSEL en Texas; MP Materials, que fornecerá imáns de terras raras producidos nos EE.UU.; Applied Materials, que fabrica equipamento para a industria dos chips; ou GlobalFoundries, que fabricará tecnoloxías para xestión de enerxía e conectividade sen fíos. Con Samsung, a compañía lanzará unha nova tecnoloxía de fabricación de chips que se estreará nos Estados Unidos.
Apple tamén avanza na infraestrutura necesaria para a súa plataforma de intelixencia artificial. En Houston, xa se produciu a primeira unidade de proba dun novo centro de fabricación de servidores de 23.000 metros cadrados, que entrará en produción masiva en 2026. Estes servidores, fabricados anteriormente fóra do país, serán esenciais para Apple Intelligence e a infraestrutura de Private Cloud Compute.
Tamén está previsto que a nova Apple Manufacturing Academy abra as súas portas en Detroit o vindeiro 19 de agosto, ofrecendo formación a pemes sobre fabricación avanzada e IA. Ao tempo, continúan as obras de ampliación do centro de datos de Maiden, Carolina do Norte, cun investimento adicional sobre os máis de 5.000 millóns xa comprometidos na zona.
Finalmente, Apple segue a expandir o seu segundo campus en Austin (Texas), que xa conta con tres edificios de oficinas operativos e está a construír outros tres que albergarán laboratorios de I+D e espazos para os equipos de enxeñaría de hardware e software. A compañía conta xa con máis de 13.000 empregados no Estado.
Este novo impulso quere dar visibilidade ao rol de Apple como motor industrial nos Estados Unidos, aínda que principalmente trátase dun xeito de aplacar a ira do presidente Trump ante a dependencia de Apple da fabricación en China e India, o que podería traducirse en fortes aranceis que prexudicarían seriamente a compañía de facerse efectivos (de feito, hoxe mesmo Trump anunciou que as compañías que non se comprometesen cos EE.UU. terían que pagar aranceis do 100% en chips e semicondutores).

Vídeo dende a Casa Branca no que anuncian o novo compromiso de investimento de Apple