Apple purga unha chea de clons de Wordle da App Store

martes, 11 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

O fenómeno de Wordle non só levou a que este xogo de palabras vía web estrease versións en español e galego, senón tamén a que moitos desenvolvedores decidisen subir copias do xogo ás tendas de aplicacións móbiles, para así poder aproveitar o momento, chegando a resultar vergoñenta a cantidade de aplicacións aprobadas na App Store de iOS que inclúen a palabra Wordle no seu nome (ou lixeiras variantes) pese a que as normas da tenda de aplicación prohiben este tipo de creación, e non foi até que a vaga de clons chegou aos medios de comunicación que Apple non reaccionou e realizou un borrado masivo das aplicacións clónicas.
A creación de clons de Wordle estaba a ser unha actividade de éxito e bastante lucrativa, xa que moitos usuarios estaban a instalar este tipo de aplicacións para poder gozar do xogo de xeito ilimitado e, nalgún dos clons, tamén podendo gozar da mesma experiencia con palabras de distintas lonxitudes (non só de 5 letras), entre as que conseguiu bastante visibilidade Wordle - The App¸ que incluía unha versión Pro de pagamento para desbloquear o límite dunha partida ao día, o que podería terse traducido en milleiros de ingresos derivados deste tipo de compras dentro da aplicación.
Pese aos críticos polo que consideran que é plaxiar contidos alleos, o creador desta última aplicación móbil está a protestar ante o que considera que foi un borrado arbitrario do seu xogo, argumentando que Wordle está inspirado noutro xogo (concretamente o célebre Lingo, que incluso tiña un programa televisivo de seu) e que a palabra Wordle non é unha marca rexistrada (e incluso existen outras aplicacións que inclúen o termo sen ter nada que ver co célebre xogo). Asegura que a súa aplicación aínda é moi semellante a Wordle porque a desenvolveu en só unha fin de semana e mesmo estaba a traballar nunha interface de uso diferente, así como pensar en novas posibilidades para o xogo, favorecendo as subscricións a longo prazo, o que poderían ser un magnífico modelo de negocio sen contamos co feito de que xa tiña a máis dun milleiro de usuarios que estaban a probar a subscrición anual que custaba 30 dólares, o que de terse consolidado podería ter convertido a aplicación nun bo negocio, pero agora eses cartos son fume tras a expulsión da aplicación da App Store.

PUBLICIDADE