Apple quere que o iPad substitúa aos libros de texto en contornos educativos

venres, 20 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

Apple presentou en New York a súa nova aposta nos libros electrónicos, que apertan agora aos libros de texto, actualizando a aplicación de lectura de libros electrónicos para iPad á versión 2.0 (que soporta elementos interactivos) e estreando a aplicación iBooks Author para Mac OS X, que facilita a creación de libros de texto para o tablet de Apple.
Esta iniciativa pretende ampliar os usos educativos do iPad, tablet dos que hai uns 15 millóns de unidades empregándose no ámbito da educación segundo Apple. Agora a compañía de Cupertino quere que o iPad sirva para substituír completamente os libros de texto tradicionais, xa que o seu novo formato de e-books facilitará o uso de pantalla do iPad para interactuar cos contidos, aceptará textos interactivos con vídeos, imaxes en 3D e diagramas, facilitará as buscas, permitirá incorporar anotacións e subliñar partes importantes, permitirá facer tarxetas de repaso e incluso contará con cuestionarios para comprobar o nivel de coñecemento de cada tema.

JPEG - 82 KB
iBooks Author fai doada e edición e publicación de libros educativos para iPad

Dende Apple tamén destacan que editoriais como Pearson, McGraw Hill, DK Publishing e Houghton Mifflin, responsables da publicación do 90% dos libros de texto nos EE.UU., tamén empregarán iBooks para distribuír as súas obras, polo que o tablet de Apple gañaría moito peso como ferramenta educativa.
No tocante á publicación dos novos e-books educativos, facendo uso da ferramenta iBooks Author, cómpre destacar que aínda que tal aplicación de balde fai moi doada a edición de libros multimedia e permite que os autores fixen os prezos dos seus textos (quedando o 30% de tal cantidade para Apple, como é habitual na plataforma de distribución dixital da compañía), pero cunha contraprestación un tanto polémica, consistente en ceder a Apple a exclusividade de distribución das obras creadas con iBooks Author.


Vídeo no que explican as bondades do formato de libros electrónicos educativos de Apple

PUBLICIDADE