Apple renova o MacBook Air co chip M5 e 512 GB de capacidade mínima

martes, 3 de marzo do 2026 Redacción

Apple presentou a nova xeración do MacBook Air, agora equipado co procesador M5, máis capacidade de almacenamento de serie e conectividade sen fíos actualizada. O portátil máis popular da marca da mazá evoluciona cun enfoque claro na mellora do rendemento, a intelixencia artificial e a experiencia de uso en mobilidade.
O novo modelo incorpora unha CPU de 10 núcleos e unha GPU de ata 10 núcleos, xunto cun Neural Accelerator integrado en cada núcleo gráfico, arquitectura que permite multiplicar o rendemento en tarefas de IA ata catro veces fronte ao modelo con M4 e ata 9,5 veces en comparación coa versión con M1. A memoria unificada alcanza un largo de banda de 153 GB/s (un 28 % superior á xeración anterior), o que redunda nunha maior fluidez en multitarefa e na execución de aplicacións esixentes.
Un dos cambios máis visibles é a duplicación da capacidade mínima dos equipos, que pasa a 512 GB. Ademais, por primeira vez o MacBook Air pode configurarse con ata 4 TB de almacenamento SSD. Apple asegura que a nova unidade duplica a velocidade de lectura e escritura fronte á xeración previa, facilitando o traballo con bibliotecas fotográficas de gran tamaño, proxectos audiovisuais ou modelos de linguaxe executados en local.
O portátil mantén os dous formatos habituais (13,6 e 15,3 polgadas) con pantalla Liquid Retina de ata 500 nits de brillo e compatibilidade con mil millóns de cores. A autonomía sitúase en ata 18 horas, seis máis que as versións con procesador Intel, e inclúe carga rápida.
O novo chip sen fíos N1 integra Wi-Fi 7 e Bluetooth 6. O equipo conta con dous portos Thunderbolt 4, admite ata dous monitores externos e mantén o sistema de carga magnética MagSafe. A cámara 12 Mpíxeles con Center Stage (e Vista Cenital), o conxunto de tres micrófonos e o sistema de son envolvente compatible con Dolby Atmos completan o apartado multimedia.
O MacBook Air con M5 poderá reservarse a partir do 4 de marzo e estará dispoñible o día 11. O modelo de 13 polgadas parte de 1.199 euros, mentres que a versión de 15 polgadas inicia o seu prezo en 1.499 euros. Ambos ofrécense en azul ceo, medianoite, branco estrela e prata.

Vídeo promocional do novo MacBook Air