Apple renova o seu AirTag con mellor conectividade

luns, 26 de xaneiro do 2026 Redacción

Apple presenta hoxe a nova xeración do AirTag, o seu popular localizador de obxectos, que chega con melloras significativas no alcance da súa conectividade, na precisión da localización e na potencia do altofalante. O accesorio intégrase coa aplicación móbil Buscar e reforza a súa utilidade diaria para manter baixo control obxectos persoais como chaves, carteiras, mochilas ou equipaxe.
Un dos principais avances chega da man do chip de banda ultralarga de segunda xeración, o mesmo que incorporan os modelos máis recentes de iPhone e Apple Watch. Grazas a este compoñente, a función Búsqueda de Precisión permite agora localizar un AirTag desde unha distancia ata un 50 % maior ca na xeración anterior, combinando indicacións visuais, sonoras e por vibración. Ademais, un Bluetooth optimizado amplía o alcance de detección, e por primeira vez é posible empregar Búsqueda de Precisión directamente desde o Apple Watch compatible, sen necesidade de recorrer ao iPhone.
O novo deseño interno tamén se traduce nun altofalante máis potente, cun volume ata un 50 % superior, o que facilita escoitar o AirTag desde unha distancia moito maior. Xunto cun novo son distintivo, estas melloras están pensadas para atopar rapidamente obxectos cotiáns, mesmo en situacións nas que están ocultos ou fóra da vista.
O AirTag continúa apoiándose na rede Buscar, unha infraestrutura colaborativa baseada en dispositivos Apple que permite localizar accesorios cando están fóra do alcance do iPhone do propietario. A isto súmase a integración coa función Compartir Ubicación do Obxecto, que posibilita compartir de forma temporal e segura a localización dun AirTag con terceiros de confianza, como compañías aéreas, para axilizar a recuperación de equipaxe atrasada ou perdida.
O novo AirTag pode adquirirse cun prezo de 35 euros por unidade, podendo tamén adquirise un paquete de 4 unidades por 119 euros. Inclúe a opción de gravado personalizado de balde de pedirse a través da páxina web de Apple