Apple renova os seus monitores profesionais

martes, 3 de marzo do 2026 Redacción

Apple presentou unha nova xeración dos seus monitores profesionais, formada polo renovado Studio Display e polo novo Studio Display XDR, dous dispositivos pensados para complementar o Mac e dar resposta tanto a usuarios que realizan tarefas cotiás como a profesionais con fluxos de traballo esixentes en ámbitos como o audiovisual, o deseño ou a animación 3D.
O novo Studio Display XDR sitúase como o modelo máis avanzado da compañía, cunha pantalla Retina XDR 5K de 27 polgadas con retroiluminación mini-LED, ata 2.000 nits de pico de brillo en HDR e unha frecuencia de actualización de 120 Hz. Pola súa banda, o Studio Display actualízase cunha cámara mellorada, máis conectividade e prestacións pensadas para reforzar a experiencia integrada co ecosistema Mac.
O novo Studio Display mantén a súa pantalla Retina 5K de 27 polgadas, con máis de 14 millóns de píxeles, 600 nits de brillo e compatibilidade coa gama cromática P3, ofrecendo unha imaxe detallada e realista para edición fotográfica, vídeo, programación ou produción musical.
Entre as principais novidades figura a cámara 12 Mpíxeles con Center Stage, agora compatible con Vista Cenital, que permite amosar simultaneamente ao usuario e unha vista superior do escritorio, unha función especialmente orientada á presentación de proxectos creativos. O monitor integra tamén un conxunto de tres micrófonos con calidade de estudio e un sistema de seis altofalantes con catro woofers con cancelación de forza (capaces de reproducir graves un 30 % máis profundos ca na xeración anterior) e dous tweeters para ofrecer son inmersivo con compatibilidade con audio espacial.
En materia de conectividade, incorpora Thunderbolt 5 con dous portos que permiten conectar accesorios de alta velocidade ou ata catro unidades en cadea (sempre que se empregue un MacBook Pro con M5 Max), sumando case 60 millóns de píxeles nunha mesma configuración. Engade ademais dous portos USB-C adicionais e ofrece ata 96 watts de potencia de carga a través do cable Thunderbolt 5 Pro incluído, suficiente para cargar con rapidez un MacBook Pro de 14 polgadas.
O Studio Display está dispoñible con vidro estándar ou opción de vidro nanotexturizado, pensado para contornas con condicións de luz menos favorables. De serie inclúe soporte con inclinación axustable, con opción de soporte con inclinación e altura regulables ou adaptador VESA.
O Studio Display XDR dá un paso máis ao integrar unha pantalla Retina XDR 5K de 27 polgadas (5.120 por 2.880 píxeles) con 2.304 zonas de atenuación local grazas á tecnoloxía mini-LED. O resultado é un contraste de 1.000.000:1, 1.000 nits de brillo sostido en SDR e ata 2.000 nits de pico en HDR, reducindo de maneira notable efectos como o halo ou o blooming en contidos de alto rango dinámico.
Este modelo amplía tamén as súas capacidades en xestión de cor, ao ser compatible tanto coa gama P3 como con Adobe RGB desde o mesmo axuste predefinido. Segundo Apple, isto permite superar o 80 % de cobertura do espazo Rec. 2020, unha prestación especialmente relevante para corrección de cor e edición de vídeo HDR.
A frecuencia de actualización alcanza os 120 Hz e inclúe sincronización adaptativa cun rango variable entre 47 e 120 Hz, o que mellora a fluidez en contidos en movemento e en xogos con gráficos esixentes.
No apartado multimedia e de conectividade, comparte coa versión estándar a cámara 12 Mpíxeles con Center Stage e Vista Cenital, os tres micrófonos con tecnoloxía beamforming e o sistema de seis altofalantes con audio espacial. Incorpora Thunderbolt 5 cun segundo porto de fluxo descendente e dous USB-C adicionais, podendo funcionar como concentrador e ofrecer ata 140 watts de carga mediante o cable Thunderbolt 5 Pro, suficiente para alimentar un MacBook Pro de 16 polgadas.
O soporte incluído permite axustar inclinación e altura cun rango de 105 mm, mediante un brazo articulado que facilita o posicionamento preciso sen esforzo. Tamén se ofrece adaptador VESA opcional.
O Studio Display está dispoñible desde 1.699 euros, mentres que o Studio Display XDR substitúe o anterior Pro Display XDR e parte dos 3.499 euros. Ambos poden reservarse desde o 4 de marzo a través da tenda en liña de Apple e comezarán a estar dispoñibles o 11 de marzo.