Apple reorienta os seus esforzos no ámbito da IA
luns, 4 de agosto do 2025
Nas páxinas web Bloomberg, o analista Mark Gurman está a arroxar un pouco de luz sobre a incerteza ao redor da estratexia de Apple no ámbito da intelixencia artificial, desvelando que a compañía de Cupertino creou un novo equipo chamado Answers, Knowledge and Information (AKI), que traballa nun motor de respostas capaz de explorar a web para ofrecer respostas precisas a preguntas de coñecemento xeral, nun contexto no que Siri segue a mostrar limitacións e o acordo multimillonario con Google podería verse afectado por presións dos organismos reguladores da competencia.
A estratexia supón un cambio respecto da mensaxe inicial que Apple transmitiu ao presentar Apple Intelligence: a súa intención non era crear un chatbot propio senón integrarse con ferramentas externas como ChatGPT. Porén, a crecente utilidade destas plataformas e o avance da competencia están obrigando a Apple a reconsiderar esa postura. O novo equipo AKI, liderado por Robby Walker (exresponsable de Siri) e supervisado polo xefe de IA John Giannandrea, está a explorar unha infraestrutura que podería integrarse en servizos como Siri, Spotlight, Safari ou mesmo nunha nova aplicación independente.
Gurman tamén informou dunha xuntanza de Tim Cook co cadro de persoal da compañía nun encontro pouco habitual no Steve Jobs Theater, en Cupertino, onde o conselleiro delegado instou os traballadores a abrazar con decisión a revolución da intelixencia artificial, á que cualificou como «tan grande ou máis» ca a chegada da Internet, os smartphones, a nube ou as aplicacións. «Apple ten que facer isto. Apple fará isto. Isto é noso para conquistalo», proclamou, segundo fontes presentes no acto. «Imos facer o investimento necesario».
Cook reiterou que Apple está investindo na IA «a gran escala». A chave desa estratexia pasa, segundo indicou, polos avances en deseño de chips liderados por Johny Srouji, incluído un novo chip de computación na nube, con nome en clave Baltra, destinado a procesar funcionalidades de intelixencia artificial. A compañía tamén está a construír unha nova planta de servidores de IA en Houston.
