Apple soluciona o seu Antennagate con pouca elegancia

venres, 16 de xullo do 2010 Marcus Fernández

O escándalo cos problemas de cobertura do novo iPhone 4 levaron a Apple a convocar unha rolda de prensa esta tarde, e finalmente Steve Jobs tivo que recoñecer o fallo do deseño do seu móbil (que finalmente non puido solucionarse cunha nova versión do firmware do seu terminal como asegurara a compañía), aínda que non o fixo con moito tacto, pois lonxe dunha simple desculpa, dedicou boa parte da súa intervención a pór exemplos doutros móbiles que hai no mercado que presentan problemas semellantes, o que é unha xustificación que non convence aos consumidores que pagan un elevado prezo polos terminais de Apple e as tarifas telefónicas mensuais que levan asociadas.
Con varios millóns de terminais vendidos, parece evidente que Apple non ía retiralos do mercado, e coma solución, ata o 30 de setembro a compañía de Cupertino regalará bumpers (protectores de goma que protexen o móbil ante caídas, e tamén evitan o problema coa cobertura denunciado por múltiples medios e usuarios) aos usuarios do iPhone 4 e devolverá os cartos a quen xa adquiran o accesorio. Os usuarios que non estean satisfeitos co terminal tamén terá a opción de devolvelo en 30 días.
Outro dos fallos detectados ultimamente, relativo ao sensor de proximidade, será solucionado mediante unha actualización de software, de xeito que evitarase que a cara do usuario poida chegar a cortar unha chamada ao tocar a pantalla do terminal durante unha chamada.

JPEG - 28.4 KB
Apple entregará bumpers de balde aos usuarios do iPhone 4


En España o 30 de xullo
Unha vez convocados aos medios polo problema coa cobertura do iPhone 4, Jobs aproveitou para anunciar que o día 30 de xullo será cando se produza a segunda fase do lanzamento do terminal, que chegará agora a 17 países (actualmente véndese nos EE.UU., Xapón, Francia, Reino Unido e Alemaña) máis entre os que está España, de xeito que practicamente completan a distribución por toda Europa.

PUBLICIDADE