Apple supera a barreira dos 3 mil millóns de iPhones
venres, 1 de agosto do 2025

- Tim Cook comunicou aos investidores de Apple a superación da barreira dos 3 mil millóns de iPhones
Apple logrou no terceiro trimestre fiscal de 2025 o seu maior crecemento interanual en ingresos desde 2021, impulsada pola forte demanda do iPhone e unha sólida recuperación no mercado chinés. A compañía de Cupertino anunciou uns ingresos de 94.000 millóns de dólares, un 9,6 % máis que no mesmo período do ano anterior, superando amplamente as previsións de Wall Street, que estimaban uns 89.300 millóns. O beneficio por acción diluída alcanzou os 1,57 dólares, fronte aos 1,43 que esperaban os analistas. A recuperación en China resultou especialmente significativa, cun incremento do 4,4 % nos ingresos, ata os 15.400 millóns de dólares, tamén por riba das estimacións do mercado.
No seu conxunto, a división do iPhone xerou 44.600 millóns, fronte aos 40.100 millóns esperados, grazas en parte ao lanzamento do modelo 16e en febreiro. Tamén contribuíu a unha repunta puntual a anticipación dos consumidores ante posibles subas de prezos derivadas dos aranceis, o que supuxo arredor dun punto porcentual dos dez totais de crecemento.
Durante a chamada cos investidores, Tim Cook revelou que Apple superou os tres mil millóns de iPhones enviados desde o lanzamento do modelo orixinal en 2007. Segundo estimacións da compañía, acadouse o primeiro milleiro de millóns en 2016, o segundo en 2021 e, agora, só catro anos despois, xa se superou a terceira marca.
O segmento de Servizos segue a ser o principal motor de crecemento para Apple, cun incremento do 13 % ata os 27.400 millóns de dólares, por riba dos 26.800 millóns anticipados. Non obstante, a compañía advertiu de que este negocio podería verse afectado por presións reguladoras, tanto en Europa como nos Estados Unidos, incluíndo cambios previstos nas normas da App Store e a posible revisión do acordo con Google que mantén o seu motor como buscador predeterminado nos dispositivos de Apple.
En canto ao resto de divisións, os ordenadores Mac xeraron 8.050 millóns de dólares (por riba dos 7.300 previstos), grazas á renovación dos MacBook Air e Mac Studio en marzo. Pola contra, os iPad ingresaron 6.580 millóns, un descenso do 8,1 % respecto ao ano anterior, afectado pola ausencia dunha nova versión do iPad Pro, prevista para finais de ano con chip M5 e melloras na cámara.
A unidade de wearables, fogar e accesorios (que inclúe produtos como os AirPods, Apple Watch, Vision Pro ou HomePod) continúa a súa caída, con ingresos de 7.400 millóns, un 8,6 % menos, por baixo dos 7.800 millóns estimados. A falta de innovacións destacables desde 2022 e o escaso impacto comercial do visor Apple Vision Pro, contribúen a este retroceso. A compañía ten previsto presentar un novo modelo do visor con novo chip a finais deste ano, pero as modificacións significativas non chegarían ata 2027.
Apple tamén avanzou que prevé que os ingresos do cuarto trimestre medren nunha franxa que vai de media a alta porcentaxe dun díxito, por riba do 3 % previsto polos analistas. En paralelo, advertiu que os aranceis poderían supor un custo adicional de 1.100 millóns de dólares no vindeiro trimestre, tras un impacto de 800 millóns neste último.
Finalmente, o consello de administración de Apple aprobou o pagamento dun dividendo en efectivo de 0,26 dólares por acción ordinaria, que se fará efectivo o 14 de agosto de 2025 para os accionistas rexistrados ata o 11 de agosto. As accións da compañía subiron arredor dun 3 % nas operacións posteriores ao peche da sesión, aínda que no acumulado do ano seguen cun descenso do 17 %, en contraste co que está a acontecer con nVIDIA e Microsoft, que vén como a súa valoración de mercado se dispara grazas ao pulo da IA.
