Apple terá que pagar 110,7 millóns de dólares a unha empresa española por violar unha patente

mércores, 2 de xullo do 2025 Redacción

Un xurado federal do distrito de Delaware (Estados Unidos) ditou sentenza contra Apple tras atopar que a compañía violou unha patente propiedade da empresa española TOT Power Control. O veredicto, emitido o 30 de xuño de 2025, obriga o xigante tecnolóxico a aboar 110,7 millóns de dólares en concepto de regalías polo uso non autorizado dunha tecnoloxía relacionada co control enerxético en dispositivos móbiles.
O litixio remóntase a 2021, cando TOT Power Control presentou unha demanda civil acusando a Apple de incorporar, sen licenza, tecnoloxía descrita en dúas das súas patentes rexistradas nos Estados Unidos. Segundo a compañía española, a infracción estaría vinculada ao funcionamento dos transmisores de banda sen fíos empregados nos iPhones e outros dispositivos da multinacional estadounidense.
O tribunal considerou que Apple violou unha das dúas patentes obxecto da disputa, concretamente a relacionada con sistemas de xestión enerxética, e estableceu un pagamento único por danos, sen aplicar ningunha penalización adicional nin medidas cautelares. O xurado determinou que Apple non actuou de forma deliberada, o que pode aliviar as consecuencias legais para a compañía, aínda que non evita o desembolso millonario.
Mentres o director xeral de TOT, Álvaro López Medrano, amosa a súa satisfacción polo veredicto xudicial, dende Apple argumentan que a patentes da compañía española son inválidas e anuncian que recorrerán a sentenza.
TOT Power Control mantén tamén demandas similares contra LG e Samsung no mesmo tribunal federal de Delaware. Non obstante, no pasado non obtivo sempre o apoio dos tribunais: en 2020, un xulgado mercantil de Madrid desestimou unha demanda da empresa contra Vodafone e Huawei por valor de máis de 500 millóns de euros.