Apple toma medidas contra os bloqueadores de publicidade abusivos

luns, 17 de xullo do 2017 Marcus Fernández

A chegada de iOS 11 vai vir acompañada de importantes cambios na App Store, converténdoa nunha tenda de aplicación máis útil e fiable, para o que será preciso unha enorme purga que en boa medida será posible grazas á prohibición de aplicacións que non funcionen en 64 bits, ou sexa, que dirán adeus as aplicacións que levan anos sen actualizar.
Pero a cousa non vai quedar aí, e parece que están reforzando os controis de calidade con medidas como eliminar as aplicacións clónicas (que finxen ser outras populares) e sendo máis rigorosos no control de elementos que até o momento deixaran pasar por alto, como veñen de constatar os responsables de aplicacións tan populares como Adblock e Weblock, bloqueadores de publicidade que acumulaban máis de 1 millóns e 750.000 descargas respectivamente, e que agora ven como non poden actualizarse por violar as normas de Apple, que tiña limitado o filtrado de contidos ao seu navegador web (Safari), mentres que o software de FutureMind ía moito máis aló e bloqueaba os anuncios en todas as aplicacións.
Dende Apple aseguran defender o uso de publicidade nas aplicacións para así podelas ofrecer de balde obtendo os seus desenvolvedores cartos pola súa explotación, polo que permitir aplicación que bloqueasen este modelo de financiamento sería moi prexudicial, de aí que comezasen a tomar medidas contra os bloqueadores de publicidade baseados en VPN que instalan certificados nos dispositivos para afectar a aplicacións de terceiros.

PUBLICIDADE