Aprobadas por máis de 3 millóns as licitacións de compra pública innovadora de Smartiago

xoves, 9 de xullo do 2020 S. P.

O Concello de Santiago aprobou a apertura do procedemento para licitar tres contratos do programa Smartiago, o programa compostelán de Cidade Intelixente, por un valor estimado de 3.338.292,27 euros (IVE engadido). Corresponden a proxectos mobilidade intelixente e sustentábel, xestión sustenrábel e intelixente dos residuos sólidos urbanos, e alumeado ornamental intelixente para a conservación do patrimonio.
Estas licitacións, permitirán, segundo explicou o concelleiro de Presidencia e Relacións Institucionais, Sindo Guinarte, dar resposta aos tres retos propostos e mellorar, mediante o aporte tecnolóxico, a calidade dos servizos que se prestan á cidadanía, “sempre utilizando a innovación para a protección do patrimonio e a sustentabilidade”. O concelleiro tamén destacou que Compostela é a cidade de menos de cen mil habitantes, que leva a cabo un proxecto de CPI desta envergadura, no que se van licitar, en 2020, máis de catro millóns de euros.
A concelleira de Modernización da Administración Local, Marta Abal, sinalou que “é a primeira vez en Santiago que se realiza unha Compra Pública de Innovación”, na que, nas áreas de mobilidade e RSU, mércase desenvolvemento e innovación, ao que se engade a compra de investigación na licitación de iluminación ornamental, na que “mercamos investigación que nos vai permitir conservar o noso patrimonio nas mellores condicións”.
A definición destas tres contratacións chegou despois dun proceso de Consultas Preliminares ao Mercado, no que participaron un total de 57 entidades que presentaron máis de 60 propostas. A través deste proceso convidábase aos operadores do mercado a presentar as súas solucións para os retos propostos polo Concello. Os edís salientaron “a alta participación de entidades locais e rexionais nas CPM de Smartiago, pero tamén con achegas de multinacionais líderes nos seus respectivos sectores”.
Tras a presentación de propostas foron chamadas a entrevistas máis de 30 entidades (pemes, grandes empresas, universidades, centros tecnolóxicos, etc.) para que achegaran máis información sobre as solucións presentadas. Toda a información sobre este proceso pode consultarse na páxina web do proxecto Smartiago, nos Informes de Conclusións das CPM (Consulta Pública de Mercado).

PUBLICIDADE