Aprobado o expediente de contratación da tecnoloxía de realidade virtual do Corpus Christi de Ponteareas

venres, 4 de xullo do 2025 S. P.

O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres 4 de xullo o expediente de contratación para levar a cabo un produto de realidade virtual e un museo ao aire libre arredor da festa do Corpus Christi de Ponteareas. Dotado de preto de 170.000 euros, trátase dunha iniciativa que “busca promover o crecemento equilibrado e sostible do turismo da provincia, impulsando a modernización e a dixitalización dun sector de gran relevancia para a economía pontevedresa”, salientou o presidente provincial, Luis López.
O titular da Deputación lembrou que hai unhas semanas a entidade deu luz verde ao convenio con Ponteareas para a posta en marcha desta acción, polo que “seguimos dando pasos para que por fin a cidadanía poida gozar canto antes desta pioneira ferramenta dixital arredor deste grande acontecemento”, salientou López, que tamén fixo saber que o proxecto está enmarcado no Plan de Sostibilidade Turística do Condado-Paradanta. Unha terra entre ríos, dotado de 1,5 millóns de euros e financiado con fondos Next Generation da Unión Europea.
Esta iniciativa consistirá na implantación e mantemento dunha plataforma museográfica virtual para poñer en valor como recurso turístico a festa do Corpus Christi de Ponteareas, e completarase coa creación e instalación de elementos para a divulgación e interpretación da festa, declarada de Interese Turístico Internacional. O proxecto permitirá reforzar a interpretación do Corpus Christi, apoiar e poñer en valor o oficio das persoas alfombristas realizando un traballo de documentación e inventario fotográfico das alfombras florais e do seu proceso de creación, ademais de impulsar a desestacionalización da demanda turística e o incremento da sostibilidade do destino.
Crearase un portal web que permitirá amosar a historia e orixe da festa, con experiencias a través dun percorrido polas rúas de Ponteareas que amosará as alfombras e os traballos previos para a súa confección. Amais, dixitalizaranse, xeraranse e incorporaranse contidos audiovisuais relacionados co Corpus Christi e instalaranse tótems interactivos no percorrido no que habitualmente se sitúan as alfombras para poder coñecer estes elementos en calquera momento do ano.